V Edición Seminario SPERTUS: Transición enerxética e a competitividade industrial

A V Edición de SPERTUS, organizada pola Cámara Oficial Mineira de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co INEGA e a Universidade de Vigo, celebrarase o próximo 4 de outubro no Paraninfo da Universidade de Vigo (Segunda Planta do Edificio Ernestina Otero. Campus As Lagoas-Marcosende).

Este evento, que estará dividido en seis sesións de debate e reflexión, conta co apoio e participación dalgunhas das principais institucións e empresas especializadas nos sectores da enerxía e os recursos naturais minerais en España e Portugal.

O seguimento telemático do seminario estará dispoñible a través da seguinte ligazón: UVigoTV – Canal Directo 2

ZONA DE APARCAMENTO

QUE É SPERTUS?

SPERTUS é unha plataforma de debate e reflexión, formada por prestixiosos científicos e tecnólogos do sector enerxético e das materias primas, que pretende exercer como polo estratéxico de coñecemento ante un dos grandes desafíos do mundo actual: a transición enerxética. Actuará como punto de encontro para a identificación do coñecemento e potencial tecnolóxico existente nos centros de investigación, favorecendo así o aliñamento coas necesidades reais do mundo empresarial e industrial.

Esta plataforma busca, polo tanto, debater e potenciar a creación de coñecemento no ámbito das tecnoloxías e infraestruturas de produción, transporte e almacenamento de enerxía, satisfacendo as necesidades do tecido empresarial, en particular no ámbito das enerxías renovables, o hidróxeno verde e a mobilidade eléctrica. Todas elas son tecnoloxías esenciais para a nova economía verde, que facilitarán a supervivencia e actualización dos sectores afectados pola transición enerxética. Outros aspectos transversais relacionados con este proceso son a dispoñibilidade das materias primas necesarias, economía, seguridade, defensa, ámbito xurídico-administrativo e impacto na sociedade.

NOTA TEMÁTICA

A transición enerxética, entendida como a gran transformación das fontes e infraestruturas enerxéticas actuais por fontes e redes enerxéticas estables, que contribúan á descarbonización, baseadas nas enerxías renovables e no almacenamento eficiente da enerxía, é un gran reto mundial. A nivel europeo, significa non só a descarbonización, senón tamén a independencia enerxética, e suporá un importante reequilibrio da actual arquitectura da Unión Europea, que transformará aos países do sur, concretamente á Península Ibérica, nun importante centro enerxético do continente. Esta transición debe ser xusta, sen deixar a ninguén atrás e fomentando a solidariedade entre as rexións e os Estados membros da UE, neutralizando as profundas diferenzas de status rexional e de custos do proceso nas distintas etapas do seu desenvolvemento.

Na presente edición de SPERTUS, a Plataforma Ibérica de Transición Enerxética e Competitividade Industrial centrarase na necesidade de dispoñer das materias primas necesarias para esa gran transformación, convidando á investigación dos recursos dispoñibles nos nosos territorios para reducir o risco de dependencia exterior; todo dentro do marco de desenvolvemento e aplicación dos criterios dunha minaría eficiente e sostible, compatible coa capacidade económica, a protección ambiental e a satisfacción das persoas, tanto de traballadores como da contorna.

En concreto, abordarase o papel de España e Portugal como grandes produtores potenciais de minerais estratéxicos, coma o litio, analizando os principais proxectos actuais e futuros a desenvolver conxuntamente. Nas distintas mesas redondas abordaranse asuntos tan importantes como a seguridade enerxética, a mobilidade e o impacto social, así como as cuestións científicas e tecnolóxicas asociadas á transición enerxética. Prestarase especial atención ás iniciativas conxuntas sobre o litio e as materias primas, así como aos proxectos sobre o hidróxeno verde, e a como deben servir de panca para a súa industrialización en sectores tecnoloxicamente avanzados, promovendo unha maior cohesión europea.

ÁREAS DE INTERESE

KEYNOTE

Emiliano López Atxurra, presidente de PETRONOR

SESIÓN 1

Políticas enerxéticas e de sostibilidade

SESIÓN 2

Recursos e proxectos ibéricos

SESIÓN 3

Retos e oportunidades da industria

SESIÓN 4

Ciencia e avances tecnolóxicos

SESIÓN 5

Seguridade continental e independencia enerxética

SESIÓN 6

Impacto social e económico para a transición

APOIO

  • Cámara Oficial Mineira de Galicia
  • Universidade de Santiago de Compostela
  • Universidade de Vigo
  • Xunta de Galicia

FORMULARIO DE REXISTRO

PROGRAMA