18 Xuñ A COMG asistiu aos galardóns Prensa-Escuela de La Voz de Galicia, onde foi premiada unha reportaxe sobre a mina de San Finx
Representantes da Cámara Oficial Mineira de Galicia acudiron, o pasado venres 14 de xuño, aos premios Prensa-Escuela, convidados por La Voz de Galicia. Nunha festa celebrada no Multiusos Fontes do Sar (Santiago de Compostela) entregáronse os galardóns do programa educativo de La Voz de Galicia, divididos en catro concursos: ‘Xornalistas Naturais-Caderno de Campo’, ‘Xornalismo na Escola’, ‘Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil’ e ‘Concursos mensuais das redes sociais’. Durante a xornada tamén se organizaron talleres de xornalismo para os asistentes.
Entre os premiados no concurso ‘Xornalismo na Escola’, na categoría ‘Ence’ sobre sostibilidade e desenvolvemento rural, destaca o traballo realizado polos alumnos do CPI Cernadas de Castro (Lousame), galardoado pola provincia da Coruña, que elaboraron unha reportaxe sobre a mina de San Finx. A encargada de entregar o recoñecemento aos estudantes foi Esther Couceiro, directora da biofábrica de Ence en Pontevedra.
Os alumnos do centro escolar convertéronse en xornalistas para elaborar esta reportaxe, titulada “San Finx, unha mina con moita historia” e dirixida polo profesor Alfonso Barata, na que destacan o papel da minaría como “a principal actividade económica en Lousame” durante as últimas décadas do século XIX e a maior parte do século XX.
O proxecto xornalístico dos escolares do CPI Cernadas de Castro repasa a historia da mina de San Finx, a primeira explotación de volframio en toda España, desde o achado do mineral e a solicitude dos permisos de explotación en 1833, ata o seu peche, pasando pola Segunda Guerra Mundial, cando “o volframio converteuse nun mineral moi cotizado polas súas propiedades a nivel militar”. Nas primeiras décadas do século XX, cando a mina funcionaba a pleno rendemento, a extracción de volframio en Lousame daba traballo a máis de catrocentas persoas.