06 Xuñ Cerámica Campo reduce as súas emisións de CO2 nun 36% na súa planta da Laracha
Cerámica Campo alcanzou un novo obxectivo no seu compromiso coa sustentabilidade: unha das súas plantas, situada na Laracha (A Coruña), reduciu nun 36% as emisións de CO2 producidas en 2022 con respecto ao ano anterior.
Esta fábrica que se dedica á produción de ladrillos para a construción está catalogada como IBE (Instalación de Baixas Emisións), o que significa que o seu nivel de emisións está por baixo das 25.000 toneladas de gases de efecto invernadoiro ao ano. De feito, a planta está a emitir un 82% menos da cantidade límite asignada para o período 2021-2025.
Esta mellora débese a un dos proxectos de innovación levados a cabo pola compañía nos últimos anos e que se enmarca dentro da economía circular: a introdución parcial de biomasa na cocción do ladrillo –unha fonte de enerxía renovable neutra a efectos de emisión de CO2–.
Nos últimos anos, Campo non soamente mellorou o seu desempeño ambiental en materia de emisións, senón que avanzou na sustentabilidade dos seus procesos produtivos mediante a implantación de normas ambientais internacionais de referencia. Por unha banda, a certificación ISO 14001 (Sistema de Xestión Ambiental), que garante un control estrito de todo o proceso produtivo a nivel ambiental e, por outra, a obtención do certificado UNE 22480, consecuencia da implantación dun Sistema de Xestión de Minería Sostible.