02 Mai Arigal celebrou a súa Asemblea anual
A Asociación Galega de Áridos (Arigal) presentou as cifras de actividade do sector alcanzadas en 2022 durante a súa Asemblea Ordinaria celebrada o pasado 28 de abril en Santiago de Compostela.
Na xornada participou Pablo Fernández, Director Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, que fixo fincapé no labor de Arigal en materia de formación e no impulso dos ciclos de Formación Profesional para obter traballadores para a industria. O representante da Xunta de Galicia quixo destacar “o sector dos áridos como unha industria estratéxica para a enxeñería civil ou a construción”. Unha afirmación apoiada por Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, que explicou que “a boa saúde dos áridos reflicte a boa saúde da economía”.
Durante a Asemblea o director e o presidente de Arigal presentaron a súa memoria corporativa do ano 2022 e analizaron os principais retos do sector: a crise de materias primas e a falta de man de obra cualificada.
A pesar das dificultades dos últimos anos, provocadas pola pandemia e a guerra en Ucraína, o sector dos áridos segue traballando para volver a cifras anteriores a 2020. O último ano a produción das canteiras foi de 48,5 millóns, o que supón un pequeno repunte con respecto a 2021.