16 Ago A Cámara Oficial Mineira de Galicia lidera unha iniciativa do sector para loitar contra a seca e os incendios forestais
A Cámara Oficial Mineira de Galicia puxo en marcha unha iniciativa para coordinar accións a través das empresas mineiras que forman parte do organismo para que axuden a paliar a seca e a achegar medios contra os incendios forestais.
Unha das principais contribucións que xa realizan moitas minas, balnearios e canteiras galegas é a achega de auga para consumo humano ou ben para abastecemento da loita contra incendios desde balsas resultantes da actividade e das restauracións mineiras. Estas reservas de auga sitúanse en zonas rurais, en puntos estratéxicos para axudar nesta problemática. Juan José López, presidente da COMG, declara que “as empresas mineiras gardan un estreito vínculo co territorio no que se sitúan, porque son empresas responsables no rural no que viven”.
Para exemplo, a recente iniciativa de Augas de Galicia de empregar unha reserva de auga doce dunha antiga mina no concello de Forcarei para contribuír a paliar o desabastecemento na cidade de Pontevedra e a súa contorna.
Para que a Xunta de Galicia e a nosa sociedade poida aproveitar ao máximo o potencial que estes ocos mineiros ofrecen, a COMG realizará vinculado ao Catastro mineiro un inventario de urxencia de todas as balsas de auga, así como de mananciais descubertos durante os traballos de investigación mineira para comprobar se poden ser empregadas tanto para recarga de medios na loita contra incendios, como para consumo humano, en función das súas características.
Así mesmo, solicita a convocatoria dun novo concurso mineiro que libere dereitos e cuadrículas para proceder á súa investigación urxente nos próximos anos, así como maior celeridade nas tramitacións de augas. “Os reservorios de auga doce son un ben escaso no presente cambio climático”, afirma.
A COMG tamén anima ás empresas que conforman o sector para achegar aos Concellos as súas infraestruturas e medios (sistemas de bombeo, area, maquinaria, etc) susceptibles de ser utilizados na loita contra incendios.
O sector, comprometido coa auga e a loita contra o quecemento global
As empresas mineiras de Galicia xa optimizan todos os procesos que levan a cabo por vía húmida, tratando de reducir o consumo de auga e reprogramando tarefas que non son necesarias durante os meses de verán.
“Extremar o coidado nas rozas, as tarefas de mantemento, retiradas de verteduras incontroladas de RSU… son outras das medidas aplicables durante o período estival”, explica Juan José López.