05 Set O alcalde de Beariz e o presidente do Ilustre Colexio Oficial de Xeólogos presentan o roteiro das minas de estaño e wolframio de Beariz
Manuel Prado, alcalde de Beariz; e Manuel Regueiro, presidente do Ilustre Colexio Oficial de Xeólogos (ICOG), presentaron a principio de setembro o roteiro das minas de estaño e wolframio de Beariz (Ourense); xunto ao delegado do ICOG galego, Pablo Núñez, e o autor do roteiro, o xeólogo Eduardo González.
Co obxectivo de promover o turismo galego a través do seu pasado mineiro e a súa riqueza xeolóxica, esta proposta forma parte dos 12 roteiros xeolóxicas e mineiras de Galicia (Maceda, Beariz, Vilanova, Cabo Ortegal, Golfo Ártabro, Ría de Corme e Laxe, Geoparque Montañas do Courel, Praia das Catedrais, Cova de Eirós-Triacastela, Guitiriz, Villa de Cruces e Río Miño), un proxecto creado polo Ilustre Colexio Oficial de Geólogos e impulsado por unha subvención da Xunta de Galicia.
Eduardo González explicou no evento de presentación, que nesta zona, a diferenza doutros lugares, as minas estaban explotadas por empresas pequenas: «había mineiros aventureiros, xente do pobo que atendía o seu negocio ou o seu gando, tiñan pequenas explotacións familiares e vendían o estaño a empresas. Moitas casas tiñan forno para calcinalo».
Os 12 roteiros xeolóxicos e mineiros de Galicia contan tamén con 12 cadernos de campo adaptados para que os máis pequenos da casa gocen descubrindo a historia mineira e xeolóxica da comunidade autónoma galega, a través de contido adaptado e didáctico.
Sobre o roteiro
O roteiro das minas de estaño e wolframio de Beariz dá comezo na Igrexa de Santa María de Beariz e termina nos muíños do seu río, pasando pola mina contigua ao depósito de auga e a mina de Magros. Un total de 8 paradas que percorren o patrimonio xeolóxico mineiro do enclave ourensán. 9,5 quilómetros de historia en forma de camiñata de baixa dificultade, por pistas que poden percorrerse andando ou en coche.