25 Feb Cerámica Campo entra no capital de Cerámicas El Progreso
Cerámica Campo entra no capital de Cerámicas El Progreso, empresa histórica da localidade de Buño (Malpica de Bergantiños). Con esta operación, Cerámica Campo incorpora aos seus activos unha planta industrial, unha concesión mineira de extracción de arxila e o mercado de El Progreso en pastas de arxila de alto valor engadido. En concreto, trátase das aplicacións para o mercado de explosivos, illamento eléctrico, fertilizantes agrícolas e bio construción, entre outras.
Con esta operación, Cerámica Campo incorpora o know- how do equipo do Progreso no desenvolvemento e comercialización de arxilas de alto valor para industrias específicas, así como o acceso a materias primas cerámicas de alta calidade. “El Progreso é unha marca histórica en Galicia, cunhas materias primas excelentes e un desenvolvemento de produtos que van complementar a carteira do noso grupo”, explica Jacobo Campo, conselleiro delegado de Rodonita, matriz de Cerámica Campo.
Ademais, El Progreso fornece arxila e pastas cerámicas para olería ao mercado de España e Marrocos. “O noso barro ten un rendemento excelente para os artesáns que producen pezas de alta calidade”, explica Pedro Fariña director de Cerámicas El Progreso. Grazas a esta operación, garántese que os oleiros tradicionais de Buño teñan unha subministración estable de materias primas para as súas creacións. “En 2020 entregamos á asociación de artesáns 144 toneladas de arxila, unha cantidade que podían esgotar neste 2021. Agora, con esta operación, Cerámica El Progreso pode aprovisionar sen restricións durante décadas a este sector tan importante para a comarca de Buño”, engade Fariña.