CERÁMICA

Hai minerais industriais como o caolín e os feldespatos que se empregan na industria cerámica. Porén, as arxilas son a base deste sector, con xacementos amplamente distribuídos, presentes nas catro provincias galegas.

As tipoloxías máis abundantes son as arxilas comúns de cores claras, grises e escuras, pasando por outras tonalidades amareladas e verdes. Non obstante, as máis valoradas son as avermelladas empregadas en tellas e ladrillos. O seu principal uso é a cerámica industrial na fabricación de ladrillos, tellas, taboleiros e bovedillas. Estas arxilas, combinadas coas mesturas axeitadas dan lugar a outros produtos cerámicos, refractarios, gres e cerámica fina.

Cerámica

Na Coruña a explotación de arxilas para cerámica lévase a cabo nos municipios de Mesía, A Laracha, Narón e Malpica de Bergantiños, mentres que, na provincia de Pontevedra, as explotacións se encontran na bacía do río Louro ao seu paso por Tui, O Porriño e Salceda de Caselas; tamén existen xacementos en Sanxenxo, Catoira e Valga. En Lugo explótase nos depósitos de Guntín, Portomarín, Monforte de Lemos, Bóveda e Barreiros, mentres que en Ourense se extrae dos xacementos dos municipios de Maceda e Xunqueira de Espadanedo.

A práctica totalidade das explotacións de arxilas considérase que teñen unha actividade intermitente, xa que a extracción só se realiza en verán ou en períodos de bo tempo. Todas as explotacións de arxila son a ceo aberto, empregan a extracción por medios mecánicos e, na súa maioría (45 %), considéranse de tamaño medio.

As empresas de fabricación de cerámica de Galicia empregan de forma directa unhas 250 persoas. Os produtos máis habituais das fábricas cerámicas de Galicia son os ladrillos ocos sinxelos e dobres, ladrillos caravista, ladrillos macizos (refractarios), ladrillos semimacizos de carga (para insonorización e muros de carga), ladrillos semimacizos para chemineas e contención de piares, botelleiros e pezas para pavimentos e revestimentos, así como outros produtos tales como pasamáns, elementos decorativos etc.

Por outra parte, fabrícanse tellas (tella curva) con distintos formatos e cores. Tamén se utilizan algunhas arxilas para a fabricación de refractarios.

Cunha importancia menor, noutros puntos hai pequenas olerías nas que se utilizan certas cantidades de arxila para a fabricación de cerámicas artesanais, cun ámbito de mercado rexional e nacional.

Dado o baixo prezo dos produtos de cerámica estrutural, como é a que se produce principalmente en Galicia, os raios de comercialización, polo xeral, son baixos, de ámbito local ou rexional. Porén, algúns produtos, como gres e tellas, teñen un mercado maior, c un ámbito nacional e internacional.