AUGAS MINERAIS

Galicia é unha das rexións con maior riqueza de augas termais e minerais de toda España, onde o seu aproveitamento se remonta á época romana.

A orixe das augas minerais de Galicia é, na súa maioría, meteórico. Infíltrase a través das zonas que presentan unha gran densidade de fracturas: a auga discorre polo terreo e vai gañando profundidade e temperatura, segundo o gradiente xeotérmico local. Posteriormente, reacciona coa rocha e disolve minerais, incorporándoos á súa composición. E, por último, volve á superficie en zonas de topografía más baixa.

Os terreos onde xorden as augas minerais e termais son os graníticos, os metamórficos e os carbonatados, mentres que algunhas augas xorden no contacto entre diferentes litoloxías. Segundo o tipo de circulación subterránea e as características hidroquímicas, as augas minerais de Galicia clasifícanse en catro grandes grupos: augas minerais someras, augas minerais de fluxos de traxectoria longa, augas minerais de fluxos profundos e evolución química intermedia; e, por último, augas minerais de fluxos profundos e moi evolucionadas.

En Galicia existen dez plantas de auga mineral que empregan de forma directa máis de 300 persoas e que producen ao ano un total de 292 403 112 litros de auga envasada .

A presenza no mercado nacional correspóndelles fundamentalmente ás plantas de Fontoira de Aquabona, Mondariz, Cabreiroá ou Sousas, mentres que as restantes son de distribución local e rexional: Agua Sana, Fontecelta, Fontenova, Fonxesta ou San Xinés.

Respecto aos balnearios, os datos amosan unha cifra de 21 instalacións rexistradas, cun total de 1200 empregados que dan servizo anualmente a máis de 150 000 persoas. Estas cifras sitúan a Galicia como un dos líderes españois en canto a volume de negocio do sector balneario relacionado coas augas mineiro-medicinais e termais.

Das 21 instalacións balnearias rexistradas, practicamente todas teñen unha historia centenaria, como o caso de Mondariz, Arteixo, Lugo o Guitiriíz. As últimas incorporacións aos grandes balnearios de Galicia aconteceron durante os primeiros anos do século XXI, primeiro coa triloxía do Grupo Caldaria (Lobios, Arnoia e Laias) e despois cos balnearios de Compostela, Pambre e Augas Santas. Paralelamente, acometéronse importantes reformas en instalacións como Carballo, Acuña e Cuntis, que devolveron o esplendor que no pasado tiveron estas.

En canto a termas, destacan as obras realizadas no río Miño, que permitiron abrir instalacións como as de Chavasqueira, Outariz, Muíño de Veiga e Prexigueiro.