12 Xuñ Preséntase a Axenda de Impulso de Minería Sostible 2030
O pasado 9 de xuño presentouse en Ourense a Axenda de Impulso de Minería Sostible 2030 desenvolvida pola Xunta de Galicia. Trátase dunha estratexia que facilitará o avance do sector a través da innovación, a sustentabilidade e a igualdade.
Esta axenda nace da necesidade de potenciar o sector extractivo ao tratarse dunha aliado clave de todas as cadeas de valor industriais. Galicia conta cunha gran cantidade de minerais imprescindibles para a fabricación de produtos industriais empregados nos ámbitos da construción, a electrónica, a automoción. etc. Por iso, a comunidade galega busca aumentar a capacidade de investigación, extracción, procesamento e recuperación destes minerais.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, formou parte desta xornada de presentación xunto co delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén. Durante a súa intervención manifestaron o apoio do goberno galego á minería sostible levada a cabo na comunidade: “Estamos moi orgullosos deste sector que aproxima o 1,5% do PIB da comunidade. Esta estratexia marcará o futuro da minería, que será protagonista na transición dixital e ecolóxica”, manifestou Francisco Conde.
O vicepresidente primeiro da Xunta celebrou que o proxecto fose elaborado mediante o diálogo co sector, co fin de incluír aos axentes crave durante todo o proceso, ademais definiu o proxecto como unha “folla de roteiro” para a transformación da minería para un sector indispensable para a elaboración de produtos vitais para a economía e desenvolvemento do país.
Pablo Fernández, director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, explicou os puntos principais desta axenda desenvolvida en 29 propostas divididas en 9 áreas que buscan o progreso do sector, a mellora dos niveis de seguridade e saúde laboral, así como a promoción da entrada ao sector de mulleres e novas.
Esta iniciativa busca impulsar un sector que representa o 8,2% da produción mineira de España e que achega unha facturación de 280 millóns de euros anuais á comunidade.