13 Set Portugal desafía ao granito galego
Arcozelo é unha freguesia portuguesa do concello de Ponte de Lima. A súa poboación non chega aos 4.000 habiantes, pero aspira a converterse nun espazo de referencia para a industria de pedra natural portuguesa, a apenas uns 70 quilómetros de Vigo e uns 40 da Raia. Grazas ás facilidades que proporciona a administración portuguesa, Arcozelo, prevé para o 2021 arrincar coa venda de case dúas hectáreas do polo empresarial de Pedras Finas. Deste xeito endurecerá a competencia do granito galego, como fixeron no seu día co sector do automóbil.
O polo industrial de Pedras Finas recibiu unha inxección pública de 5,5 millóns de euros, para o acondicionamento do espazo, accesos varios e rede de saneamento.
Os portugueses traballan moi ben esa conexión entre estado, industria e organismos supranacionais. Foron conscientes de que a pedra cada vez ten un peso máis relevante no PIB e están a consolidar a figura do Clúster.
O parque permitirá a adopción de mellores prácticas ambientais, mellores técnicas e a reordenación espacial, beneficiando a todas as entidades públicas e privadas involucradas na adhesión a un verdadeiro concepto de eficiencia colectiva.
A asemblea da freguesía de Arcozelo aprobou a venda dos terreos con grandes descontos en función do emprego xerado. O prezo de partida son dez euros o metro cadrado: para unha empresa de granito que conta con cinco traballadores, o metro cadrado terá unha rebaixa dun euro; se a empresa dá emprego a máis de 60 persoas o terreo sairalles a cinco euros por metro cadrado. Este valor é entre cinco e vinte veces máis baixo que o que custa o terreo dos polígonos da Veigadaña (Mos) ou Arbo, por exemplo.
O vínculo comercial entre Portugal e Galicia co granito é intenso. O granito galego superou no 2019 as 459.000 toneladas e, aínda que rexistrou un descenso no volume, elevou a facturación exterior ata os 120,3 millóns.
O sector do granito galego está a sufrir as consecuencias da Covid-19, debido a que a pandemia provocou unha caída de vendas ao atoparse as empresas galegas cun mercado nacional e internacional moi deteriorado.