24 Abr O presidente da COMG interveu no III Foro Económico Español “La Galicia que viene” para falar da situación do sector mineiro en Galicia
Os días 23 e 24 de abril celebrouse o III Foro Económico Español “La Galicia que viene” na Coruña, coorganizado por El Español, Invertia, Quincemil e Treintayseis. Na segunda xornada do encontro, no que se analizaron os desafíos e retos aos que se enfronta Galicia, o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), Juan José López Muñoz, interveu para falar da situación da industria mineira en Galicia.
Durante a súa intervención, o presidente da COMG defendeu a necesidade da extracción de recursos naturais na comunidade, destacando o seu importante papel para satisfacer “as demandas sociais” fundamentais para o desenvolvemento das zonas rurais. Tamén subliñou o potencial mineiro de Galicia para facilitar o reto da transición enerxética, grazas á presenza de 15 materias primas críticas estratéxicas nos seus terreos, entre as que se atopan as terras raras: “Hai poucas zonas do mundo, en particular Galicia, onde estean presentes terras raras nunha concentración suficiente para ser aproveitadas. Que ocorre? Que non as investigamos”.
Doutra banda, López Muñoz aproveitou o seu espazo no foro para denunciar as campañas de desprestixio que sofre o sector, moitas delas promovidas por grupos ecoloxistas: “A minaría é unha actividade que entra en contacto directo coa natureza, polo que somos os primeiros ecoloxistas que queremos que a nosa contorna estea ben”. O presidente da COMG tamén fixo referencia á importancia de ser ecoloxista “cando a túa responsabilidade limítase a facer unha separación de residuos na casa, pero é máis importante que o sexamos nós [os profesionais da industria mineira], que manexamos máquinas de 40 toneladas no monte”.
O presidente da COMG destacou a capacidade empregadora da minaría en Galicia, que actualmente se sitúa ao redor de “4.000 empregos directos e 10.000 persoas que, de maneira directa ou indirecta, fichan nas nosas empresas”. Nesta mesma liña, sinalou o reto ao que se enfronta o sector para captar talento novo, en parte condicionado pola súa mala imaxe social, pese a gran cantidade de postos de traballo de calidade que ofrece aos profesionais, tanto cualificados como técnicos.
O vídeo completo da intervención do presidente da COMG no foro pódese consultar na seguinte ligazón.