13 Mar O cruceiro de granito da finca Simeón forma parte do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia
O cruceiro da finca Simeón, do parque de Vista Alegre (Santiago de Compostela) pasou a engrosar fai uns días o patrimonio cultural de Galicia como ben inmoble con categoría de monumento. A Xunta acaba de incluílo no catálogo do devandito patrimonio con nivel de protección integral.
Os cruceiros son, xunto cos hórreos, os monumentos populares máis característicos de Galicia. Normalmente estes son obras anónimas, realizadas por canteiros en pedra de granito por encargo ou como ofrenda dunha familia, mais neste caso convértese nun elemento de prestixio social.
Trátase dunha obra de Francisco Asorey e coñécese como o cruceiro de Isabel García Blanco porque foi un dos seus fillos o que efectuou o encargo ao recoñecido escultor cambadés para homenaxear á súa nai.
Cómpre ter en conta que Simeón García Olalla de la Riva e a súa filla Isabel foron grandes benfeitores da cidade de Santiago de Compostela; a eles debéuselles a fundación da Escola da Inmaculada, o Hospital da Esperanza e o Cottolengo, entre outras institucións emblemáticas da cidade compostelá, o que determina o seu interese histórico e antropolóxico.
Realizada en 1952 en granito, esta peza de altos valores artísticos, históricos e antropolóxicos, pode atoparse na finca familiar dos Simeón, en Vista Alegre.
Ao tratarse dun elemento situado dentro dun predio protexido no Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica PE-1, que inclúe a finca de Vista Alegre no Catálogo de xardíns e elementos naturais, non resulta necesario establecer un contorno de protección específico e estímanse suficientes as determinacións urbanísticas vixentes.