31 Mar Indicacións para a aplicación do RD- L 10/2020 no sector mineiro
Tras a aplicación do Real Decreto-lei 10/2020, do 29 de marzo, polo que se regula un permiso retribuído recuperable para as persoas traballadoras por conta allea que non presten servizos esenciais, co fin de reducir a mobilidade da poboación no contexto da loita contra o COVID-19, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia trasladou unha serie de parámetros para poder levar a baixo a aplicación do decreto.
Empresas esenciais para asegurar o abastecemento da poboación e os servizos esenciais
Dentro do número 1 do Anexo da Real Decreto-lei 10/2020, do 29 de marzo, especifícanse as actividades que deben continuar desenvolvéndose. Entre elas, aquelas actvidades que participan na cadea de produción, distribución e abastecemento de bens e servizos esenciais, e a aquelas imprescindibles para o mantemento das actividades produtivas da industria manufactureira que ofrecen as subministracións, equipos e materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das actvidades esenciais.
Por iso, aquelas empresas que deban continuar coa súa actividade, ou con parte dela, acolleranse ao artigo 5 do Regulamento Xeral de Normas Básicas de Seguridade Mineira, de acordo co cal, o director facultativo responsable establecerá as disposicións internas de seguridade que regulen a actividade interna da empresa explotadora, as cales han de ser presentadas #ante os órganos competentes.
Paralización de actividades mineiras
Todas aquelas empresas mineiras que deban acollerse á paralización establecida polo Real decreto, deberán realizar a mesma garantindo a aplicación da lexislación sectorial en materia de minas. Polo que a suspensión de traballos mineiros ha de ser posta en coñecemento do órgano territorial competente, acompañada dunha memoria na que se detallen as medidas de seguridade, conservación e vixilancia que se adopten, que en todo caso deben quedar garantidas para a protección de persoas e bens e para previr un impacto negativo na contorna.