A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) participou o pasado 4 de outubro no I Congreso de Enxeñaría Xeolóxica e de Minas, organizado pola Ordem dos Engenheiros da Região Norte (OERN) no campus da empresa dstgroup, en Braga. O evento, que reuniu un numeroso público e contou coa presenza de profesionais, estudantes e expertos do ámbito xeolóxico e mineiro, celebrouse baixo o lema “Georrecursos, a presenza invisible na nosa vida cotiá”.
Javier González Paz, en representación da COMG, foi un dos relatores convidados no congreso, que ofreceu unha plataforma para compartir experiencias, debater retos comúns e poñer en valor o papel da enxeñaría xeolóxica e mineira tanto en Portugal como en Galicia. A participación da COMG foi especialmente valorada pola organización, dada a proximidade xeográfica e a similitude dos desafíos que comparten ambos territorios en materia de recursos xeolóxicos e sustentabilidade.
Durante a súa intervención, González Paz expuxo varios dos casos de éxito máis relevantes desenvolvidos en Galicia. Entre eles, destacou a restauración integral das explotacións das Pontes e Meirama, que foron transformadas en grandes lagoas e espazos naturais de referencia para a recuperación ambiental. Mencionou tamén a recuperación da Lagoa de Antela e a restauración de ocos mineiros na área de Vigo, reconvertidos en solos industriais útiles, exemplos de como a minería pode integrarse en estratexias de desenvolvemento territorial.
Outras iniciativas presentadas foron a aposta pola innovación de empresas como Pasek Minerales, co aproveitamento da dunita e a súa participación no proxecto europeo SENECA para a valorización de materiais críticos. Todas estas experiencias poñen de manifesto que minería e sustentabilidade non só son compatibles, senón que, ben xestionadas, poden deixar un legado positivo en termos ambientais, sociais e económicos.
A xornada, que contou cunha ampla asistencia e espertou grande interese entre o público, permitiu visibilizar o compromiso de Galicia e da COMG coa innovación, a restauración ambiental e a valorización do patrimonio mineiro e xeolóxico, demostrando que a transición ecolóxica e a xestión sostible dos georrecursos son unha oportunidade para liderar o desenvolvemento responsable e a cooperación transfronteiriza no ámbito ibérico.