O Día Internacional da Xeodiversidade, que se celebra cada 6 de outubro, é unha cita anual impulsada pola UNESCO para dar visibilidade á diversidade xeolóxica do planeta e promover a súa conservación e posta en valor. Proclamado oficialmente na 41.ª Conferencia Xeral da UNESCO en 2021, este día reúne comunidades científicas, educativas e sociais de todo o mundo arredor de actividades divulgativas, saídas de campo e debates sobre o papel fundamental que xoga a xeodiversidade no noso benestar.
En 2025, a xornada celébrase baixo o lema “Unha Terra, moitas historias”, subliñando a riqueza e pluralidade das formacións xeolóxicas e a súa influencia na cultura, na economía e no medio ambiente.
O obxectivo principal desta xornada é concienciar sobre a importancia da xeodiversidade e os beneficios que achega á sociedade e ao entorno natural. A xeodiversidade non inclúe só rochas, minerais e solos, senón tamén paisaxes, fósiles, procesos xeolóxicos e recursos que deron forma á vida e á historia de cada territorio. As celebracións internacionais adoitan incluír xornadas técnicas, charlas con expertos, actividades didácticas e visitas guiadas a espazos de especial interese xeolóxico.
Para máis información sobre este día e os eventos que se organizan en todo o mundo, pódese consultar www.geodiversityday.org e o listado de actividades dispoñible nesta ligazón.
Xeoparques: gardiáns da xeodiversidade
Os xeoparques son territorios recoñecidos pola UNESCO polo seu patrimonio xeolóxico de relevancia internacional e polo seu compromiso coa educación, a conservación e o desenvolvemento sustentable. En Galicia existen dous xeoparques: o de Cabo Ortegal e o de Montañas do Courel. Ambos destacan pola súa riqueza mineralóxica, a singularidade das súas paisaxes e a súa intensa labor divulgativa.
Aínda que ambos territorios levan a cabo actividades divulgativas e educativas ao longo de todo o ano, poñendo en valor os seus excepcionais recursos xeolóxicos e paisaxísticos, con motivo do Día Internacional da Xeodiversidade, o Xeoparque Montañas do Courel celebrou esta fin de semana as XLII Xornadas Científicas da Sedeck. Entre as actividades desenvolvidas destacan a visita ao Centro de Interpretación da Minaría Aurífera de San Clodio e á Casa da Cultura de Quiroga, así como percorridos polos Entaladoiros–Val das Mouras, o Centro de Interpretación das Covas de Meiraos e unha visita interpretada á Cova da Ceza, en Noceda.A xeodiversidade, un valor para Galicia
En Galicia, a xeodiversidade é un activo estratéxico tanto para a ciencia como para o turismo e o desenvolvemento rural. Desde a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), a través do portal Minería Sostible de Galicia, trabállase de maneira continuada para difundir o valor do patrimonio xeolóxico galego. A COMG impulsa iniciativas e actividades divulgativas, e pon a disposición da cidadanía recursos como a web de patrimonio xeominero, que ofrece rutas, puntos de interese e materiais educativos para achegar a riqueza do noso subsolo a todos os públicos.
A actividade e a investigación mineira son tamén fundamentais para avanzar no coñecemento da xeodiversidade galega. A través de estudos xeolóxicos, cartografado e prospeccións, a minería contribúe a descubrir, documentar e poñer en valor novas formacións, minerais e paisaxes, enriquecendo así o patrimonio científico e natural de Galicia.
A celebración do Día Internacional da Xeodiversidade é unha ocasión para lembrar que coñecer e conservar o noso patrimonio xeolóxico é clave para o desenvolvemento sustentable, a educación e a identidade de Galicia. Sumarse a estas iniciativas é contribuír a que “unha Terra, moitas historias” siga sendo unha realidade viva e compartida.