Durante este primeiro trimestre do ano publicáronse nos distintos perfís de redes sociais da plataforma Minaría Sostible de Galicia varias pezas audiovisuais que forman parte das campañas ‘Son mineiro’ e ‘A importancia da minería’, ambas as destinadas a achegar á sociedade xeral o sector mineiro.

‘Son mineiro’ é unha campaña que trata de poñer cara ao sector extractivo, con entrevistas a 15 dos 11.200 profesionais que fan posible que a minaría en Galicia se posicione coma un sector estratéxico á vangarda das últimas tecnoloxías e da integración territorial.

‘Son mineiro’

Achegar á sociedade a realidade das empresas mineiras, coñecer o traballo diario dos distintos perfís profesionais, así como a súa relación coa contorna social e natural son algúns dos obxectivos desta campaña. Ata o 15 de abril publicáronse 5 destes vídeos, que obtiveron 17.378 impresións e 5.956 visualizacións.

As impresións son as persoas que viron a publicación nalgún dos perfís de Minaría Sostible de Galicia (Youtube, Twitter, LinkedIn, Facebook e Instagram), mentres que as visualizacións son as veces que se viu o vídeo (por usuario único).

‘A importancia da minaría’

Por outra banda, a campaña ‘A importancia da minaría’ trata de poñer en valor os recursos mineiros de Galicia desde unha perspectiva que abarca desde o seu vínculo histórico co noso terroitorio ata os seus usos na vida cotiá e as cifras de produción e exportación. Os dous vídeos publicados ata o momento chegaron a 3.195 persoas e foron visualizados por 947 usuarios.