A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) participou na 4.ª Reunión de stakeholders do proxecto Interreg Europe PICOBELLO (Ploting COllaborative ways to BEtter Living LOcally), organizada pola Axencia Galega de Innovación. Nesta sesión, celebrada na antiga estación de tren de Cantoña (Paderne de Allariz- Ourense) reuníronse entidades do territorio para avanzar en enfoques colaborativos orientados a mellorar a vida a nivel local.

Neste sentido, a xornada centrouse na aplicación dos principios da New European Bauhaus (NEB) no ámbito local e en como trasladalos á práctica mediante políticas públicas. Ademais, abordáronse claves para integrar estes principios na planificación e en actuacións concretas, desde unha perspectiva participativa e colaborativa.

Por último, presentouse unha folla de ruta para a elaboración de plans locais de I+D+i, co obxectivo de orientar aos axentes locais no deseño de iniciativas de innovación aliñadas cos retos do territorio. Tamén tivo lugar un espazo de conversación e posta en común no que as entidades participantes compartiron achegas e prioridades para avanzar en próximas accións dentro do proxecto.