minerales-estrategicos-industria-gallega

O evento do ano sobre materias primas estratéxicas desenvolveuse en Galicia

A Cámara Oficial Mineira de Galicia, Minaría Sostible de Galicia e EIT Raw Materials, coa colaboración da Xunta de Galicia, celebraron os días 20, 21 e 22 de setembro o evento ‘Minerais estratéxicos para a industria galega’ na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

As xornadas viraron ao redor da crise global de materias primas estratéxicas, que tamén afecta a Galicia, con paróns e grandes problemas de subministración en sectores claves para Galicia, como son a automoción, o naval, o sector das TIC ou a metalurxia.

Durante a xornada do día 20, á que acudiron 80 persoas presencialmente e 180 de maneira virtual, empresas, sindicatos e Administración coincidiron na necesidade de reverter esta crise explotado os recursos minerais cos que contamos en Galicia.

O día 21 (Proxectos mineiros e exploración) estivo enfocado a profesionais do sector mineiro, da xeoloxía e da investigación co obxectivo de mostrar os resultados dos últimos proxectos mineiros e de investigación.

Os relatores explicaron os proxectos que se están desenvolvendo nos seus países: Francia, Alemaña, Polonia e Suecia… Desde Galicia presentáronse dous proxectos: O proxecto de Santa Comba ( Rafaella Resources) e A mina de Penouta ( Strategic Minerals) e desde outras zonas de España os proxectos da mina de Barruecopardo en Saloro, o de estaño estratoide en Oropesa e os depósitos de W- Sn-Li- Nb- Ta en Castela e León.

Por último, o día 22 (Aspectos científico-técnicos) estivo dedicado á posta en común de novas técnicas de investigación e explotación que permitan coñecer a riqueza do noso subsolo. A xornada puxo de manifesto que a investigación é o primeiro paso para cubrir as necesidades de materias primas da sociedade de maneira eficiente e sostible para o medio. Ademais de contar con relatorios de expertos provenientes de Alemaña, Croacia e Portugal; a xornada tamén contou coas intervencións de investigadores españois de IGEO (CSIC- UCM) e de xeólogos que están a levar a cabo iniciativas en Galicia como o proxecto de San Finx ( Valoriza Minería).

Le o resumo completo do día 20 aquí.