14 Xul Enerxía que non se crea nin se destrúe, transfórmase en coñecemento
- A ETSE de Minas pon o punto final aos actos de gradación do curso 2014-2015 on a despedida da segunda promoción de Enxeñería da Enerxía e de Enxeñería dos Recursos Mineiros e Enerxéticos.
Cos cambios derivados da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior, a Escola Técnica Superior de Enxeñería de Minas tense convertido nun referente no ensino e na investigación no campo da enerxía. E así o fixo sentir a comunidade universitaria do centro este venres no acto de gradación da segunda promoción dos graos en Enxeñería da Enerxía e en Enxeñería dos Recursos Mineiros e Enerxéticos. Como subliñou o director do centro, José Benito Vázquez, “somos, sen dúbida, o centro universitario con máis enerxía de toda Galicia!” e suxeriu un cambio de nome da escola, porque “talvez sexa hora de que esa palabra máxica, enerxía, inclúase na denominación dun centro como o noso”. Para Vázquez, este cambio “só pode ter vantaxes para ela mesma, para o contexto tecnolóxico no que se inclúe, para a Universidade en si e seguro que tamén para Galicia”.
No acto deste venres recibiron as súas bandas un total de 62 estudantes, 12 de Enxeñería dos Recursos Mineiros e Enerxéticos e 50 de Enxeñería da Enerxía, que puxeron punto e final ao programa de actos de gradación deste curso na Universidade de Vigo. O director da ETSEM lembrou que neste ano a institución cumpre 25 anos “e a nosa andaina académica comezou case ao mesmo tempo”, sendo o título de Enxeñeiro de Minas no curso 1992-1993 “un dos primoxénitos desta nosa nova universidade creadora de actitude, co que significa ser o primeiro fillo: abrirse camiño, con moitas cousas para facer, aprender, sorprender, algunhas decepcións, pero sobre todo moitas alegrías e satisfaccións”. Así, o centro celebrará dentro de dous anos o seu cuarto de século, aínda que o seu director destaca que manteñen “ese espírito rebelde e curioso dunha adolescencia a piques de acabar e que, con todo non debemos perder nunca, formamos agora a graduados e másteres en enxeñería para o século XXI”.
Vázquez tamén se dirixiu aos estudantes. “Temos un alumnado responsable, crítico, exemplar, participativo, colaborador, solidario e comprometido con todas as iniciativas que melloraron, seguro, o noso ambiente educativo e, quen sabe, talvez a nosa universidade”. Lembrou que “esta formación, este currículo, está oculto e non aparece no voso expediente, pero farase visible cando faga falta nas vosas carreiras profesionais nas empresas, nos centros de investigación ou ao servizo da Administración, sempre como xestores e xestoras dos recursos naturais ao servizo da sociedade”. O acto contou coa presenza do vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel José Fernández Iglesias; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a delegada @de la Xunta en Vigo, Mª José Bravo Bosch e o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Juan de Deus Martín. Todos eles animaron aos estudantes na nova etapa da vida que comeza e aconselláronlles seguir a traballar con ilusión para conseguir as metas marcadas. Por parte do alumnado, tomaron a palabra Fátima González e Roberto Agromayor.
Os consellos dos padriños
Eduardo Liz, padriño da II promoción do grao en Enxeñería da Enerxía, destacou na súa intervención que “a día de hoxe xa tiven a oportunidade de dar clase a cinco promociones de grao e todas foron moi boas, pero sempre digo que a segunda promoción, os que hoxe celebrades o voso acto de gradación, puxo o listón moi alto e que as clases deste ano foron especialmente estimulantes. Fostes un público marabilloso: con clases así resulta moi fácil entusiasmarse e transmitir entusiasmo”. Dirixíndose en concreto aos egresados de Enxeñería da Enerxía, Liz lembraba que a pesar de ser unha titulación nova “moitos de vós empezastes o grao para axudar a que este mundo sexa máis sustentable e legarlles ás xeracións próximas algo mellor do que vós recibistes”. Felicitounos polo traballo feito e destacou que “despois destes catro anos, estades máis preparados para iso e quédavos moita ilusión para seguir aprendendo e loitar por ese obxectivo”. Pola súa banda, o padriño en Enxeñería dos Recursos Mineiros e Enerxético, José Enrique Martín, tamén lles deu alento para a nova etapa. Fixo fincapé no “sacrificio” feito ata o momento, na etapa de formación universitaria, pero tamén se referiu aos novos retos que terán que afrontar a partir de agora, cando toca comezar a poñer en práctica o aprendido.
Pisadas na lúa
Maria Xusto-Alonso, egresada da escola, foi a encargada da conferencia maxistral neste acto. Actualmente traballa en Noruega, país onde recalou como estudante Erasmus e no que conseguiu o seu primeiro emprego na NTNU (universidade técnica de Noruega). Posteriormente continuou no país nórdico xa cun contrato no centro de investigación SINTEF, no que continúa na actualidade. Ela é un exemplo de emprendemento, de internacionalización e de esforzo. Na súa lección maxistral, titulada “Non me digas que o ceo é o límite cando hai pisadas na lúa!” explicoulles a estas dúas novas promocións que se ben é verdade que a situación económica e laboral actual en España é complicada, “estades sobradamente preparados” e os límites son os que cada un póñense. Para María Xusto-Alonso a mobilidade xeográfica non foi un problema e sobre a súa experiencia versou boa parte da súa intervención. “É duro estar fóra”, recoñece, pero noutros países atópanse oportunidades que na casa non se poden lograr.