caolines-viminazo-europa

Caolines de Vimianzo, un referente europeo en minaría sostible

Por mor da entrada en vigor das normas UNE 22480 de Xestión da Minería Sostible e 22470 de Sistema de xestión mineiro mineralúrxica-metalúrxica sostible, España converteuse nun dos países no punto de mira á hora de regular as prácticas e indicadores que rexen o desenvolvemento dunha actividade extractiva sostible e comprometida coa súa contorna natural e social.

A primeira empresa en obter as devanditas certificacións (implantadas en xuño de 2019) foi Caolines de Vimianzo, que explota caolín, mica e areas silíceas na Costa da Morte; grazas á implantación de técnicas sostibles en todos os seus procesos e ao establecemento de sinerxias con emprendedores e organizacións da comarca.

A empresa coruñesa, que xa formaba parte do comité técnico KPC-Europe, a Asociación de Caolín e Arxilas Plásticas pertencente a IMA Europa; traballa agora tamén de xeito conxunto cun grupo de traballo desta entidade que representa os intereses das empresas de minerais industriais en Bruxelas.

Este grupo de traballo, formado por 20 expertos en minaría sostible e no que se ven representadas 15 das empresas mineiras máis importantes a nivel europeo, ten por obxectivo crear un marco normativo e de actuación que poña en valor a xestión mineira sostible. Un ambicioso plan que abarca desde a fixación dos principios de sustentabilidade ata como transparentar a actividade extractiva para unha maior comprensión por parte da sociedade.

O pasado 12 de febreiro os integrantes deste grupo reuníronse na sede de IMA Europe en Bruxelas para comezar a fixar os indicadores que serán o xerme dunha minería máis sostible nos países membros.

Para alcanzar esta meta, está a levarse a cabo un arduo labor de recompilación de lexislación mineira dos países europeos, de exemplos provenientes doutros sectores e de prácticas sostibles levadas a cabo por empresas mineiras. Por iso, durante esta primeira reunión, Cavisa expuxo o seu caso de éxito, cunha xestión que ten en conta todos os procesos do ciclo mineiro, con 120 indicadores que están integrados na xestión de empresa, e que abarcan aspectos fundamentais como a igualdade ou as técnicas da Industria 4.0.

Un dos puntos que destacou durante a súa intervención, foi a planificación da rehabilitación dos espazos mineiros en base ás necesidades da comarca, que ten en conta tanto a protección do medioambiente como o desenvolvemento social da zona onde se localiza a explotación. Caolines de Vimianzo ten o seu propio departamento nesta materia, ‘ Cavisa Ambiental’, que promove a colaboración coa súa contorna mediante prácticas como a xestión de residuos inertes ou a elaboración de formigóns para consumo local.

Un dos retos aos que se enfronta o sector mineiro son fenómenos como o NIMBY ( Not In My Backyard), que fomenta o quietismo fronte ás necesidades sociais, impedindo o desenvolvemento de industrias en países onde as normas ambientais e laborais son estritas, e favorecendo por tanto a produción noutros lugares do mundo onde leva a cabo explotación infantil e escravitude moderna. Neste sentido, Caolines de Vimianzo tamén resaltou a importancia da comunicación, tanto con empresas da contorna e veciños, como cos consumidores dos seus produtos e a sociedade en xeral.