balares-juan-jose-lopez

Balarés rendeu homenaxe a Isidro Parga Pondal e Titania S.A.

A Fundación Pondal (Balarés, Ponteceso) aproveitou a véspera da celebración das Letras Galegas para conmemorar os 30 anos do falecemento de Isidro Parga Pondal, un dos galegos máis ilustres das últimas décadas, que combinou a súa paixón pola xeoloxía cunha gran iniciativa emprendedora para industrializar Galicia a través da minaría.

A esta xornada acudiron nenos e docentes das Aulas Científico- Tecnolóxicas, que asistiron a varias actividades levadas a cabo por Juan José López Muñoz, presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, e Fran Canosa, xeólogo. O presidente da entidade deu unha charla didáctica sobre economía circular e prácticas sostibles no sector mineiro, mentres que Canosa impartiu un taller de bateo de ilmenita.

Pola súa banda, o actor Yago Espasandín escenificou a Parga Pondal e houbo unha serie de apuntamentos históricos da man do profesor Félix Neira.  Ademais, para a ocasión, o director do documental Titania S.A., Omar Rabuñal, preparou un resumo deste traballo: un curto de 15 minutos que reflicte a pegada que deixou este espazo na historia da comarca bergantiña.