28 Abr Arigal reclama máis investimento en obra pública na súa asemblea anual
A Asociación Galega de Áridos (Arigal) presentou as cifras de actividade do sector alcanzadas en 2021 durante a súa Asemblea Ordinaria celebrada o pasado 27 de abril na Cidade da Cultura.
Durante 2021 o de sector dos áridos en Galicia aumentou a súa produción nun 4% con respecto ao ano anterior. Con todo, as cifras seguen sendo insuficientes en relación ao resto de Europa, sobre todo en canto ao consumo deste recurso, un indicador do desenvolvemento económico dun país. O consumo medio por habitante en Galicia é de 3,42 toneladas por habitante, mentres que a media europea ascende a 6.
Alberto Novoa, presidente de Arigal, centrou o seu discurso no mal momento que está a atravesar o sector: “A maquinaria de triturado e machaqueo de rochas, así como o cribado e o movemento nas cintas aliméntase de electricidade, que superou os límites da cordura”, explicou Novoa. Ademais, o gasoil necesario para mover a maquinaria pesada está en récords históricos ao comezo de 2022. “Esta subida de prezo do combustible incide tamén no prezo do produto final cando se serve a pé de obra”, declarou o presidente.
O sector dos áridos está intimamente ligado ás industrias do cemento, formigón e aglomerados asfálticos e todas elas á súa vez vinculadas á industria da construción. Así, Novoa explicou que a crise económica ·afectou gravemente a moitas canteiras, polo que é necesario aumentar a confianza, minimizar as incertezas, impulsar o investimento e o desenvolvemento da economía galega en xeral e da súa industria en particular”.
Por iso, o presidente da entidade, fixo unha petición á Administración, un plan económico cun horizonte de polo menos 5 anos. Por unha banda, “novas infraestruturas de xeración eléctrica, comunicacións, abastecemento e tratamento de auga, ampliación de redes de subministración de gas, creación de redes de calefacción urbana, buscando a eficiencia enerxética para alcanzar o compromiso de cero emisións netas no ano 2050”. Novoa tamén fixo fincapé na necesidade de fomentar a obra pública e as rehabilitacións de infraestruturas sanitarias, educativas e de parques industriais; así como o fomento da rehabilitación do parque de vivendas para mellorar o seu confort e eficiencia enerxética.
Pola súa banda, María Coutinho, directora xeral de Recursos Minerais, pechou a xornada destacando o compromiso da Xunta de Galicia para “impulsar o sector dos recursos minerais, para que a nosa industria non teña que depender de terceiros países”. E comprometeuse a tratar de liquidar con Arigal os problemas aos que se enfrontan na actualidade como a subida do prezo da luz, para iso contarán cunha estratexia marcada pola “Axenda Mineira de Galicia” desenvolvida pola Xunta en colaboración con entidades como Arigal.