melide-arigal

ARIGAL dá a coñecer o sector co seu documental ‘Que sabes dous áridos?’

ARIGAL (Asociación Galega de Áridos) convida a coñecer a importancia da industria dos áridos para a economía e a fixación da poboación no rural a través dun ciclo de proxeccións que mostrarán o documental Que sabes dous áridos? co obxectivo de provocar a reflexión do público e xerar un debate aberto en base ás súas impresións.

Esta peza audiovisual é o resultado dun ano de investigación a través de entrevistas a persoas alleas ao sector e a profesionais da industria, co obxectivo de poñer en valor unha actividade case descoñecida pola sociedade, pero imprescindible para o seu desenvolvemento, xa que produce o segundo recurso máis consumido do mundo só por detrás da auga e que en Galicia xerou 2.800 postos de emprego en 2018.

O pasado xoves 17 de outubro abriuse o ciclo de proxeccións en Melide (A Coruña) nunha xornada que contou coa participación de varios veciños do concello, o alcalde, José Manuel Pérez; o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Iglesias; os traballadores das canteiras; e Javier González, enxeñeiro de minas e encargado da presentación do documental.

As próximas citas serán en Baralla (Lugo) o 7 de novembro, en Meis (Pontevedra) o 14 de novembro e en Santa Comba (A Coruña).

Nos catro concellos escollidos aséntanse canteiras de áridos, que inflúen na paisaxe e a economía da zona. Por iso, tras as proxeccións levarase a cabo un coloquio no que participarán veciños, políticos e traballadores de canteiras para poñer en común opinións, reflexións e dúbidas sobre a integración desta industria dentro do concello e as posibles simbioses con outras actividades socioeconómicas.