16 Dec A Xunta aposta polo aproveitamento dos minerais galegos para diminuír a dependencia co exterior
O Ilustre Colexio Oficial de Xeólogos acaba de presentar o informe sobre o potencial mineiro de materias críticas en Galicia ante Paula Uría, directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.
O ICOG puxo en valor este documento como unha ferramenta para situar á comunidade como territorio estratéxico para cubrir as necesidades de materiais fundamentais a través dos recursos propios e impulsar a reindustrialización do territorio á vez que se contribúe a diminuír a dependencia co exterior.
“Estamos ante un dos maiores retos que afronta o tecido industrial neste momento como é o custo e a dispoñibilidade de materias primas e recursos que son necesarios para a súa normal actividade”, sinalou Paula Uría, á vez que apostou por un aproveitamento racional e sostible dos recursos propios para conseguir unha plena transición ecolóxica e dixital.
Unha meta que como sinalou a directora xeral, está en liña coas políticas europeas referidas á descarbonización da economía e a electrificación do parque móbil para os obxectivos de Green New Deal e do papel que xogarán nos próximos anos materias primas minerais como o litio, cobre, silicio, estaño e wolframio, todos eles minerais existentes en Galicia.
“Iso supón apostar pola sustentabilidade, pero tamén pola I+D+i para identificar alternativas, ao mesmo tempo que supón apostar por unha minaría sostible que é o que Galicia vén facendo ao longo destes anos”, sinalou Uría, facendo referencia a unha minaría que permita o desenvolvemento industrial e sexa compatible co medio ambiente, favoreza o emprego de calidade e xere oportunidades económicas e sociais no rural.