15

A Oficina Técnica da COMG acompaña a empresas na solicitude de axudas para fomentar a sustentabilidade na industria

O 16 de febreiro publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se regula a concesión de subvencións a empresas privadas para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia para o ano 2024. O obxectivo das axudas é promover a posta en marcha de accións orientadas a mellorar as prácticas do sector mineiro no ámbito económico, social e ambiental.

Poderán ser beneficiarias destas subvencións, convocadas pola Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia no marco da Axenda 2030, as empresas privadas que realicen actividades vinculadas a minas, elaboración de rocha ornamental, envasado de augas minerais naturais ou explotación de balnearios en Galicia.

Estas axudas, que se tramitarán conforme ao procedemento de concorrencia non competitiva, buscan mellorar as prácticas ambientais e laborais do sector a través de cinco liñas de actuación:

  1. Protección do medio ambiente na redución do po e o ruído por encima dos límites establecidos na normativa vixente da Unión Europea.
  1. Seguridade e saúde nos postos de traballo.
  1. Redución da exposición ao po en centros de elaboración de rocha ornamental.
  1. Conservación e xestión sustentable dos acuíferos en aproveitamentos de augas minerais, termais e de manancial.
  1. Implantación e certificación das normas UNE 22480 e UNE 22470.

Algunhas das condicións a ter en conta de forma previa á solicitude das axudas son:

  • Está consignado crédito por un importe total de 2.400.000€, dos cales 700.000€ son para as axudas da liña 1; 700.000€ para as da liña 2; 400.000€ para as da liña 3; 560.000€ para as da liña 4; e 40.000€ para as da liña 5.
  • A intensidade máxima non excederá o 60% do investimento total subvencionable en pequenas empresas, o 50% no caso de medianas empresas e o 40% para as grandes empresas, cun máximo de subvención de 100.000€ para as liñas 1 e 2; 50.000 euros para as liñas 3 e 4; e 3.000 euros para a liña 5.
  • As accións subvencionables teñen que estar executadas e abonadas antes do 15 de novembro, data límite de xustificación.

O prazo máximo para a resolución e a súa notificación será de 5 meses contados desde o día seguinte a que termine o prazo de presentación de solicitudes. Se nese prazo non se notifica a resolución, a solicitude entenderase como desestimada.

As solicitudes poderanse realizar entre o 8 de marzo (09:00) e o 8 de abril (09:00) a través da Sede Electrónica de la Xunta de Galicia.

Desde a Oficina Técnica da Cámara Oficial Mineira de Galicia (oficina.tecnica@camaraminera.org) quedamos a disposición das empresas para solucionar calquera dúbida sobre se o proxecto de actuación cumpre cos criterios establecidos nas bases da convocatoria.