7

A Confederación de Empresarios de Galicia inclúe o impulso da minaría entre as súas prioridades para a próxima lexislatura

A proposta de prioridades empresariais elaborada pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) para a próxima lexislatura en Galicia dedica un dos seus apartados ao sector da minaría. Desde a entidade considérano “un aliado clave de todas as cadeas de valor industrial”. As cifras permiten cuantificar o seu peso a nivel nacional: o sector mineiro galego representa ao redor dun 8% da produción mineira total de España, xerando 246 millóns de euros.

Por este motivo, desde a CEG consideran necesario potenciar e atender as necesidades particulares dos diferentes axentes da industria extractiva en Galicia, para identificar proxectos estratéxicos e establecer liñas de financiamento e investimento público coas que configurar solucións tecnolóxicas nos diferentes ámbitos do sector.

A dixitalización e descarbonización da economía, a utilización de materias primas e a implantación de procesos de produción eficientes son os piares fundamentais que destaca a CEG no marco da transformación do modelo industrial. Entre as súas propostas para o sector da minaría para a próxima lexislatura atópanse:

  • Impulso á modernización e o crecemento sostible da industria extractiva, que actuará como provedor de minerais estratéxicos para a dixitalización.
  • Establecer actuacións encamiñadas a lograr a integración ambiental.
  • Impulsar a economía circular.
  • Axilizar e coordinar as tramitacións e autorizacións das actividades e proxectos mineiros, dependentes de administracións de diferentes ámbitos.
  • Poñer en valor a riqueza do patrimonio mineiro de Galicia e o seu papel fundamental nas transicións enerxéticas e dixital.
  • Apoiar a comunicación e difusión de proxectos mineiros desde as administracións para poder avanzar na aceptabilidade das iniciativas.
  • Establecer medidas específicas para a competitividade do sector, ligadas á formación e capacitación das persoas, a seguridade laboral e o risco cero, a atracción de talento e instrumentos de gobernanza que contribúan a fortalecer o talento humano e o ámbito da responsabilidade social.

As necesidades da minaría identificadas polo CEG e as propostas elaboradas para lograr a posta en valor do sector están aliñadas coa visión da Cámara Oficial Mineira de Galicia e as súas liñas de actuación a medio e longo prazo.