Encontro galicia en pedra arte e oficio_1

A COMG reúne a expertos do deseño e a cantaría para reflexionar en torno ao valor cultural da pedra natural galega

O xoves 5 de xuño, a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) celebrou, no marco da feira STONEGAL, o encontro ‘Galicia en pedra: arte e oficio’. Este espazo de diálogo, que reuniu a expertos da arte, o deseño e a cantaría para reflexionar en torno ao valor artístico e cultural da pedra natural galega, forma parte dos actos conmemorativos do Centenario da entidade.

A presidenta da COMG, Cecilia Trancón, foi a encargada de inaugurar a xornada. Na súa intervención, presentou a iniciativa ‘Encontros polo Centenario da COMG’, cuxo punto de partida foi o encontro celebrado hoxe en Vigo, “un ciclo de diálogos co que buscamos crear espazos de reflexión en torno ao pasado, presente e futuro de Galicia, a través de voces relevantes do ámbito empresarial, científico, cultural e deportivo galego”.

A continuación, celebrouse a primeira das conversacións do encontro, ‘A pedra natural galega na arte, o deseño e a cultura visual’. Nela, Marisa Santamaría, investigadora e xornalista experta en deseño e fundadora de Global Design and Innovation Trend Unit, entrevistou a Iria Ribadomar, pintora, ilustradora e deseñadora. Ambas dialogaron ao redor das posibilidades da pedra natural como motor creativo en disciplinas como o deseño e a comunicación visual. Iria Ribadomar, cuxa obra está moi influenciada pola pedra natural, quixo resaltar “como a arte e a ilustración poden darlle unha nova imaxe a este recurso natural”.

A xornada continuou cunha mesa redonda, ‘Da cantaría tradicional á cantaría industrial’, na que participaron Adrián Otero, mestre canteiro e docente do CIFP de Cantería de Galicia, e Fernando Godoy, xerente de Godoy Maceira. Durante a conversación, moderada por Marisa Santamaría, ambos os participantes reflexionaron en torno á evolución do oficio da cantaría e a convivencia entre tradición e innovación.

Encontro galicia en pedra arte e oficio_2 1
Marisa Santamaría conversa con Adrián Otero e Fernando Godoy.

Un dos temas que se puxo sobre a mesa foi a continuidade da profesión e os retos que supón a captación de talento. Neste sentido, Adrián Otero subliñou a finalidade do centro no que imparte formación: “Fusionar o obxectivo primixenio da Escola de Canteiros para dar continuidade a un oficio que parecía que se estaba extinguindo, pero está máis vivo que nunca”. O mestre canteiro tamén indicou que no oficio tradicional son fundamentais as novas tecnoloxías, sendo cada vez máis necesaria a súa aplicación no día a día. Pola súa banda, Fernando Godoy fixo fincapé no importante papel das empresas do sector da pedra natural, moitas delas familiares, “que comezaron traballando a pedra manualmente, pero foron introducindo novas tecnoloxías para mellorar os procesos”, á hora de garantir o futuro da industria e liderar a súa transformación.

Diálogos sobre o pasado, presente e futuro de Galicia

O encontro ‘Galicia en pedra: arte e oficio’ foi o inicio dunha iniciativa impulsada pola Cámara Oficial Mineira de Galicia para crear espazos de diálogo sobre o pasado, presente e futuro de Galicia. Os ‘Encontros polo Centenario da COMG’ buscan poñer en valor o talento e liderado presentes en Galicia, especialmente en ámbitos relacionados cos recursos minerais; e plasmar a riqueza do territorio galego, conectando tradición e innovación, patrimonio e industria, cultura e investigación. Todo iso no contexto da celebración dun importante fito para a entidade representante do sector mineiro na comunidade: os cen anos da súa fundación.