16 Set A COMG levou a cabo o segundo roteiro guiado de Patrimonio Xeomineiro de 2024
O sábado 14 de setembro, a Cámara Oficial Mineira de Galicia organizou o segundo roteiro de Patrimonio Xeomineiro de Galicia previsto para 2024, despois da visita aos cargadoiros de mineral de Rande e do Coto Wagner do pasado 3 de agosto.
A actividade, impulsada pola Plataforma Minería Sostible de Galicia, consistiu nun percorrido de 7 quilómetros e medio, que levou aos participantes desde o Pico Sacro ata o Miradoiro de Gundián, cruzando o río Ulla, para coñecer a orixe xeolóxica do filón de cuarzo e outras curiosidades do Pico Sacro.
O cuarzo dunha pureza tan alta como o que se atopa neste dique utilízase nas industrias electrónica, química e siderúrxica. O de menor pureza recíclase como árido, tanto para formigóns e morteiros como para cama seca de gando, construción de instalacións deportivas, filtros, abrasivos e outras aplicacións químicas. Ademais, este roteiro de sendeirismo permite coñecer grandes obras de enxeñaría, como os viadutos das vías de tren e estradas que cruzan o río Ulla.
Ao roteiro asistiron 55 persoas do total de 85 que realizaron a inscrición previa. Debido ao límite de aforo, 30 persoas quedaron na lista de espera. Os participantes estiveron acompañados polos alcaldes e concelleiros dos concellos de Vedra e Boqueixón; así como pola conselleira de Economía e Industria, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas e o subdirector de Recursos Minerais da Xunta de Galicia.
A COMG xa está a preparar o próximo roteiro de Patrimonio Xeomineiro de Galicia, unha iniciativa que busca dar a coñecer a riqueza mineira da comunidade e o seu atractivo turístico e paisaxístico. Proximamente publicarase toda a información sobre a actividade e habilitarase o formulario de inscrición para participar.