29 Xan A COMG contribúe a divulgar a restauración ambiental
A Cámara Oficial Mineira de Galicia participou o pasado xaneiro na Xornada sobre recuperación de canteiras, organizada pola Deputación de Lugo e a Asociación Galega de Custodia do Territorio. O presidente do ente cameral, D. Juan de Deus Martín, participou na presentación do evento, desenvolto en Guitiriz, xunto á alcaldesa desta localidade, Regina Polín, e a deputada provincial da área de Medio Ambiente, Sonsoles López. Todos eles insistiron na relevancia da recuperación ambiental das minas.
Un dos relatores da xornada foi o director da Cámara, D. Diego López, quen puxo o peche ao encontro abordando o marco normativo que rexe as restauracións mineiras e analizando distintos casos de éxito desenvoltos en Galicia. Ademais dos coñecidos proxectos dos lagos das Pontes e Meirama, que se dedicarán a actividades de lecer e abastecemento de auga potable respectivamente, analizáronse outros casos nos que a restauración mineira deu pé á recuperación de hábitats protexidos, como o da recentemente premiada gravera de Begonte; á construción de infraestruturas industriais, como a Plataforma Loxística e Industrial Salvaterra – As Neves ( PLISAN); á implantación de zonas de uso agrícola, gandeiro ou forestal, como as explotacións de cuarzo en Mesía, ou cotos de pesca, como a restauración dunha explotación de arxila en Valga.
Coa súa participación nesta xornada, a Cámara Oficial Mineira de Galicia contribúe a divulgar a contribución social da minería unha vez finalizada a súa actividade, xerando novos espazos que contribúan a cubrir necesidades ou demandas sociais. Poñendo de manifesto a sustentabilidade da actividade extractiva e os seus beneficios para o territorio no que se desenvolve.
Outras intervencións
Previamente, a Reserva da Biosfera Terras do Miño foi un de témalos protagonistas da man da técnico da Deputación de Lugo, Andrea Macho. As súas 300.000 hectáreas que se estenden por 26 municipios converten esta reserva nunha das máis grandes do territorio español, segundo sinalou Macho.
O representante da Asociación Galega de Custodia do Territorio, Martiño Cabana, completou a quenda de intervencións coa relatorio Naturalización de espazos mineiros: a fauna das canteiras, analizando os casos de Barreiro, en Guitiriz, e de Riocaldo, en Begonte, con información sobre a biodiversidade destes lugares.