santa-comba-patrimonio-minero

A COMG apoia a posta en valor da mina de Varilongo

Santa Comba pretende dinamizar a súa oferta turística potenciando o legado da mina de Varilongo e visibilizando a súa historia. Por este motivo, o concello púxose en contacto coa Cámara Oficial Mineira de Galicia, entidade que xa está a colaborar con outros concellos galegos na posta en valor das súas contornas mineiras.

Nunha primeira reunión na que participaron o alcalde de Santa Comba, David Barbeira; o presidente da COMG, Juan de Dios Martín; e o seu director, Diego López, puxéronse en común perspectivas e sentaron as bases deste proxecto que trata de potenciar o valor turístico e patrimonial do complexo mineiro de Varilongo.

Os representantes da Cámara mostraron o seu interese en chegar a un acordo nun futuro para que “a Cámara poida colaborar, tutelar, achegar información e axudar en xestións ao Concello de Santa Comba no desenvolvemento do proxecto”.

O escenario escollido para este primeiro encontro foi a sede de CAVISA en Vimianzo, empresa que reflicte a importancia do sector mineiro para a Costa da Morte e que constitúe un exemplo de boas prácticas, tanto desde o punto de vista ambiental como desde o punto de vista da divulgación do sector mineiro.

Barreira mostrouse ilusionado con este proxecto que forma parte da “recuperación do orgullo de ser xalleiros e da nosa historia”. Na reunión marcáronse os primeiros pasos que dará o concello: recompilar todo o material fotográfico e específico que poida, coa temática da minería e da historia do wolframio como eixo condutor, para despois poder instalar, conservar e dinamizar un futuro Museo dá Minería e Centro de Interpretación no antigo edificio principal da mina de Varilongo.