16 Xan A Cámara Oficial Mineira de Galicia valora positivamente que se reactiven os concursos de dereitos mineiros en Galicia
- O organismo, como representante da minaría en Galicia, fai unha valoración positiva desta actuación, que é un tramite administrativo de xestión que debería ser habitual.
- A saída a concurso dos dereitos caducados non implica a apertura de novas explotacións, senón que unicamente permite, se hai algún interesado, que este poida realizar unha campaña de investigacións xeolóxicas en busca de materias primas necesarias para a industria.
A Coruña, 16 de xaneiro de 2025.– A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), como representante da minaría na comunidade, valora positivamente que se reactive o concurso de dereitos caducados en Galicia. Esta actuación, solicitada publicamente polo organismo hai uns meses, é fundamental para poñer ao dispor da sociedade os recursos naturais presentes no territorio galego.
A actualización de dereitos mineiros é un trámite administrativo que debería ser habitual, e non implica en si mesma a apertura de novas explotacións, senón que supón o primeiro paso para impulsar novas investigacións xeolóxicas en busca de materias primas estratéxicas para a industria. A lei de minas establece, que cando caduca a concesión dunha área do territorio, esta queda bloqueada ata que salga de novo a concurso, trámite que permite a outro interesado a investigación na zona. A COMG considera que este é un trámite administrativo que debería ser habitual para facilitar a investigación e poder coñecer os nosos recursos minerais dispoñibles. Nun mundo en constante cambio é esencial que valoremos e promovamos o coñecemento en todas as súas formas.
Unha vez finalizada esta fase de investigación inicial, no caso de atoparse algún xacemento de interese, será imprescindible solicitar unha concesión de explotación para a extracción dos minerais. Este permiso unicamente adxudicarase se o proxecto mineiro cumpre os requisitos técnicos e ambientais esixidos pola lexislación. E de non ser así, se non hai interese xeolóxico algún, a área quedará novamente dispoñible para outros interesados en realizar novas investigacións.
O coñecemento dos recursos minerais en Galicia está aliñado coas últimas directivas da Unión Europea para reforzar a competitividade dos Estados membros.
Sobre a Cámara Oficial Mineira de Galicia
A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) é un órgano consultivo que representa ao sector industrial dos recursos minerais en Galicia. Reúne nunha mesma entidade os intereses públicos e privados para conseguir o mellor aproveitamento dos recursos xeolóxicos e maximizar o seu beneficio para a sociedade. Está formada por todas as persoas físicas ou xurídicas que realizan actividades destinadas á investigación e o aproveitamento dos recursos xeolóxicos, calquera que sexa a súa orixe ou estado físico, desde o seu coñecemento ata a súa posta en valor.