01 Dec A Cámara Mineira entregou hoxe os Premios Santa Bárbara 2010
- José María Fernández Vila, da empresa Explotacións e Canteiras de Moucho, situada na localidade coruñesa de Arteixo, e Jorge Casanova, xornalista de La Voz de Galicia, foron merecedores de galardóelos Traxectoria e Comunicación, respectivament.
- O acto enmarcouse na celebración da festividade de Santa Bárbara, patroa do colectivo mineiro.
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2010
A comunidade mineira galega celebrou hoxe en Santiago a festividade de Santa Bárbara, patroa do colectivo, coa asistencia a unha misa na catedral, cunha posterior ofrenda ao Apóstolo, e un xantar no que se enmarcou a entrega dos premios Santa Bárbara 2010.
O empresario José María Fernández Vila, de Explotacións e Canteiras de Moucho, en Arteixo, e Jorge Casanova, xornalista de La Voz de Galicia, foron merecedores de galardóelos Traxectoria e Comunicación, respectivamente. O xurado acordou tamén facer unha mención especial á Dirección Xeral de Enerxía, Industria e Minas pola campaña publicitaria Minaríaa forma parte da túa vida.
A celebración, promovida pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, reuniu na capital galega a máis dun cento de representantes de empresas mineiras, da Administración, da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Minas da Universidade de Vigo, dos colexios de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia e de Enxeñeiros de Minas do Nororeste de España, así como doutras entidades vinculadas ao sector.
Unha vez rematado o xantar, o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Francisco Aréchaga, fixo entrega dos Premios Santa Bárbara 2010. Os galardóns consistiron en, ademais dun diploma honorífico, unha lousa pintada polo artista Pedro Bo para o gañador da modalidade Traxectoria, e unha fin de semana nun balneario de Galicia para dúas persoas para o gañador da modalidade Comunicación.
GALARDOADOS
O xurado dos Premios Santa Bárbara 2010 concedeulle o galardón Traxectoria a José María Fernández Vila pola súa longa carreira no sector dos áridos, no campo da extracción e preparación de minerais, así como na elaboración de formigón e derivados. Pola súa banda, Jorge Casanova mereceu o premio pola publicación este ano de dúas amplas reportaxes sobre o sector mineiro titulados O maior lago de Galicia abre el pano e A pedra e a lousa arrastran ás minas galegas a unha caída do 30% en dous anos. Para o xurado, ambos os traballos xornalísticos facilitan o coñecemento por parte da sociedade da realidade mineira de Galicia.