01 Out Proxecto de ampliación do museo de San Finx
Ademais de albergar unha explotación que pretende ter actividade en breve, a Mina de San Finx é un dos museos mineiros máis destacables de Galicia. Diversas actuacións se levaron a cabo nos últimos anos encamiñadas a recuperar a súa riqueza patrimonial, co obxectivo de recrear as instalacións e o funcionamento da mina nos tempos de maior actividade. Nas zonas visitables de San Finx, recuperadas e postas en valor na década de 2000, pódense apreciar instalacións de labores, equipamento, fornos e construcións.
Ao ser unha rehabilitación en curso, existen diversos elementos que se prevé que se vaian incorporando ao conxunto, enriquecéndoo e axudando a comprender mellor ao visitante a importancia deste centro mineiro: diversas construcións como a casa Castiñeiros ou a Xerencia ou o acondicionamento de labores mineiras na contorna inmediata ao Poblado, son algúns dos obxectivos.
A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) impulsou e apoiou as diversas fases do proxecto de musealización desde os seus inicios. En 2019, renovando o seu compromiso co patrimonio mineiro de Galicia, presentouse unha iniciativa para incorporar ao museo un novo punto. Trátase da casa Castiñeiros e da bocamina adxacente.
Tras varios análises de campo de expertos en patrimonio mineiro, o proxecto foi presentado ao Concello de Lousame (A Coruña) e á concesionaria da explotación mineira activa, Valoriza Minería, en verán de 2019. A proposta é abrir ás visitas unha pequena parte da bocamina e recuperar o edificio do vestiario como centro de interpretación.