10 Xul Arigal presenta o catálogo “Áridos de Galicia” para potenciar a internacionalización do sector
A Asociación Galega de Áridos (Arigal) vén de presentar o Catálogo de Áridos de Galicia na Autoridade Portuaria da Coruña. Trátase dun documento que recolle unha clasificación dos áridos de Galicia e información útil para atraer operadores de mercados exteriores, desenvolvido co apoio da Xunta de Galicia, grazas ao programa do Igape Galicia Exporta Organismos Intermedios, cuxo obxectivo é favorecer a internacionalización de pemes galegas e consolidar a súa presenza nos mercados internacionais.
O representante do Igape, salientou que Galicia “é a comunidade autónoma de España que máis apoio en investimento público recibe para favorecer a chegada dos seus produtos a novos mercados, financiando o 90% dos custos de aloxamento, desprazamentos, catálogos, etc.”.
Tamén sinalou que a meta final destas axudas é que “as nosas empresas estean en todos os continentes”, un obxectivo que no sector dos áridos está cumpríndose pouco a pouco. Este ano Bélxica e Reino Unido repetiron como principais países importadores, mentres que entraron outros novos coma os Estados Unidos e Suíza.
A presentación levouse a cabo na Autoridade Portuaria da Coruña, un dos puntos neurálxicos na exportación destes materiais. O seu presidente, Enrique Losada, indicou que o Porto da Coruña, e especialmente a dársena de Langosteira, é un aliado e punto estratéxico en toda a cadea de produción e exportación de áridos, polos seus calados, as súas amplas chairas e o seu afastamento de núcleos habitados. “As cifras demóstrano, xa que en 2018 se moveron polos peiraos do Porto da Coruña, e de forma maioritaria por Punta Langosteira, máis de 800.000 toneladas de cemento, clínker, cuarzo, granito, minerais de aluminio, areas, etcétera”, explicou Losada.
“Temos capacidade para aumentar estas cifras e para crecer xunto a todos vós neste sector verdadeiramente relevante para a Autoridade Portuaria”, engadiu Losada, que deixou as portas abertas a “todas as iniciativas e propostas que poidan plasmarse na xeración de novos negocios e actividade económica, que é o principal obxectivo de quen estamos hoxe aquí”.
José Lista, presidente de Arigal, aproveitou para agradecer o apoio do Igape e do Porto da Coruña nas accións de internacionalización dos seus asociados. Ademais destacou a importancia deste catálogo como “ferramenta para chegar a novos mercados”, xa que o seu obxectivo é “que o árido galego sexa recoñecido no exterior pola súa gran calidade para a construción”.
Pola súa parte, Carlos Martínez destacou que durante 2018 se produciron en Galicia preto de 10 millóns de toneladas de áridos, pero que “as canteiras galegas teñen capacidade para producir máis do dobre”. Galicia pode dar resposta a unha demanda cada vez máis crecente dun material empregado como balastro para as vías ferroviarias, fabricar o formigón, asfalto para estradas… e que constitúe a segunda materia máis consumida do mundo despois da auga.
Martínez explicou que o proceso de internacionalización comezou en 2015, un momento en que os áridos só se consumían a nivel local: “O árido habitualmente non viaxa, xa que encarece moito os custos, e as canteiras adoitan estar cerca dos centros de consumo”. Por este motivo, Martínez destaca a alianza establecida coa Autoridade Portuaria da Coruña e con outros portos galegos e que lles permitiu exportar áridos a países como Bélxica, Holanda, Alemaña e Francia. Dentro do catálogo hai 6 produtos diferentes, “o produto máis exportado ata o momento é a escollera, pero a demanda doutros áridos como o balastro para o sector ferroviario vai ser moi alto noutros países onde non contan con canteiras”.
Martínez salientou que este catálogo xa foi presentado en feiras de Reino Unido, Suíza e Portugal e que serve para poñer en valor un produto insubstituíble.