19 Xuñ O valedor do Pobo reúnese coa Xunta Directiva da Cámara Mineira.
Unha representación da Xunta Directiva da Cámara Oficial Mineira de Galicia, formada polo Presidente, o Vicepresidente 1º e o Secretario, foi recibida na mañá de hoxe polo Valedor do Pobo, Benigno López González. O motivo da reunión, solicitada polo ente cameral, foi valorar conxuntamente o apartado referido ás explotacións mineiras galegas no seu Informe Ordinario correspondente ao exercicio pasado.
O Presidente da Cámara explicou ao Alto Comisionado Parlamentario a situación actual da minería galega, destacando a súa importante pegada nos campos social, económico e cultural de Galicia. Respecto do informe, defendeu a legalidade das explotacións mineiras galegas, alegando que “as empresas mineiras actúan en base a unha concesión administrativa outorgada legalmente sobre un recurso mineiro, presentando todos os anos o correspondente plan de labores en cumprimento da normativa sectorial, ademais de contar co resto de permisos propios da actividade”. Engadiu que “a promulgación da Lei do Solo de Galicia, no ano 2002, xerou a actual situación de inseguridade xurídica para as empresas mineiras”, sinalando que o problema xorde cando os expedientes que se remiten á Administración en cumprimento da Lei 9/2002, quedan sen resolver, xerando para as explotacións unha situación de alegalidad que ademais repercute nunha imaxe negativa para a sociedade.
O Valedor manifestou que xa anunciara á Consellería de Innovación e Industria que no Informe recentemente presentado no Parlamento de Galicia, ían realizar un comentario crítico pola súa ausencia de xustificación para actuar conforme ao recomendado. Sinalou que, neste sentido, remitira, no mes de xuño de 2008, sete recomendacións ás Consellerías de Innovación e Industria, Medio Ambiente e Política Territorial co obxecto de aclarar a situación dalgunhas explotacións mineiras. As Consellerías de Medio Ambiente e Política Territorial foron as primeiras en dar resposta ás mesmas e aceptaron respectivamente a elaboración dun plan de inspección para coñecer as explotacións que se atopan en situación de irregularidade, e a emisión dos 29 informes pendentes que afectaban a canteiras incluídas na Rede Natura 2000.
A Consellería de Innovación e Industria, pola súa banda, “só aceptou parte do que se lle recomendou”, tal e como explica o Valedor do Pobo que, aínda que destacou a boa acollida que tivo cara á necesidade de elaborar un plan de inspección e de establecer medidas para garantir o interese público á hora de aplicar a Lei de Ordenación Mineira de Galicia, non fixo o propio con outro aspecto destacable ligado á natureza transitoria da previsión legal, para a que o Valedor pedía que “se estableza un prazo limitado de aplicación da medida, pasado o cal a habilitación da disposición enténdase decaída”.
O Valedor pretendía con esta medida terminar cos prazos transitorios para dar paso á aplicación rigorosa das esixencias do ordenamento para o sector, mentres que a Consellería de Innovación insiste en que a disposición non mencionaba prazos para a legalización, polo que abonda con que as canteiras estivesen activas antes da entrada en vigor da Lei. “Coa tese da administración, se esta atopase unha explotación 5, 10 ou 15 anos máis tarde, sería lícito que esa explotación, cando fose ser corrixida, alegase que se atopa amparada pola disposición transitoria e que pretenda legalizarse”, ejemplifica Benigno López González no seu informe, e insiste en que “a permanente apertura da oferta de legalizacións extraordinarias trae como consecuencia que a situación de indefinición continúe e que non se atopen medidas respecto dun número considerable de explotacións sen licenza”.
Ao final da reunión, que transcorreu nun ton distendido, o Alto Comisionado Parlamentario entregoulle ao Presidente da Cámara unha peza de Sargadelos, en conmemoración da visita institucional.