04 Dec Martín Cortés e Alexandra Moledo, premios Santa Bárbara 2015
A Cámara Oficial Mineira de Galicia celebrou o pasado 3 de decembro a festividade de Santa Bárbara, patroa dos mineiros, e os seus noventa anos de existencia. Convocada pola entidade cameral, a comunidade mineira de Galicia reuniuse en Compostela para asistir á Misa do Peregrino coa tradicional ofrenda ao Apóstolo, seguida dun xantar que acolleu tamén a entrega da novena edición dos Premios Santa Bárbara.
Os galardoados foron Martín Cortés Cacheiro, fundador da empresa de áridos Canteiras El Pozo, quen mereceu o premio na modalidade Traxectoria, e Alexandra Moledo, xornalista de La Opinión, premiada en Comunicación. Tras o discurso do presidente, Juan de Deus Martín, os premiados recolleron a súa respectiva figura de Santa Bárbara elaboradas por Sargadelos e os diplomas acreditativos de mans do subdirector xeral de Avaliación Ambiental, Carlos Calzadilla e da subdirectora xeral de Recursos Minerais, María José Mijares.
PREMIO TRAXECTORIA
Sen tradición familiar no sector, Martín Cortés Cacheiro comezou a súa actividade nos áridos nos anos 60 de pasado século, coa valorización de materiais excedentes da escavación dun túnel ferroviario en Carral. En 1975 fundou a empresa Canteiras El Pozo nesta mesma localidade e, poucos anos despois, pasou a formar parte da firma Áridos de Reboira, situada en Ordes.
Permaneceu ligado a ambas as compañías ata a súa xubilación, buscando sempre a produtividade sustentable e a mellora das condicións de traballo. Forte defensor da unión do sector, pertence á Cámara Oficial Mineira de Galicia desde a posta en marcha da súa empresa e é un dos asociados fundadores da Asociación Galega de Áridos.
PREMIO COMUNICACIÓN
Pola súa banda, Alexandra Moledo, natural de Serra de Outes, é licenciada en Xornalismo pola Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela e desenvolve a súa actividade profesional na periódico La Opinión da Coruña. O xurado, composto por representantes da Cámara e da Administración mineira, considerouna mereciente do premio pola publicación nos últimos anos de amplas reportaxes que ofrecen unha panorámica da situación do sector mineiro galego.
Nos seus traballos, a xornalista dálle voz á Cámara Oficial Mineira de Galicia como representante de minaríaa galega e poñen de manifesto a relevancia económica e social da actividade extractiva, contribuíndo así á difusión da realidade do sector entre a poboación.
SECTOR MINEIRO
A Cámara Oficial Mineira de Galicia, con sede na cidade da Coruña, é unha corporación de dereito público fundada en 1925 e un órgano consultivo da Administración tutelado pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. Representa o sector industrial dos recursos minerais na Comunidade autónoma: no que se inclúen os subsectores das augas minerais naturais envasadas, os áridos, os balnearios, a cerámica, minaríaa enerxética, o granito, a lousa, as rocas industriais, minaríaa metálica e outros sectores conexos.