A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) asistiu hoxe, 30 de outubro de 2026, á IV edición dos Premios á Promoción e Divulgación da Xeotermia, unha cita organizada por ACLUXEGA que se celebra no CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo). A xornada reuniu a representantes do ámbito formativo, profesional e institucional para poñer en valor a xeotermia como recurso enerxético e recoñecer iniciativas destacadas na súa promoción e divulgación.

O acto comezou coa benvida institucional a cargo de Alfonso Silva Solla, director do CIFP Valentín Paz Andrade, e Juan Ricoy Alonso, presidente de ACLUXEGA e director técnico de Áridos do Mendo, membro da COMG. A esta benvida seguiulle a conferencia “O recurso Hidrotérmico: unha Oportunidade para Galicia”, impartida por Santiago López-Guerra Román, ex presidente de ACLUXEGA e xeólogo.

Durante o evento, realizouse a entrega de premios correspondentes á edición 2026. Na categoría Empresarial, o recoñecemento recaeu na Residencia de Maiores Raiola Oleiros (Praia de Bastiagueiro, A Coruña). Pola súa banda, a categoría Residencial premiou ao edificio “Los Pazos” (Pi y Margall 72, Vigo). Por último, na categoría Edificación Singular, o galardón recibiuno o Museo Catedralicio e Diocesano de Tui (TUDE).

A clausura do acto foi realizada por Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia.

Desde a COMG valórase este tipo de encontros como espazos útiles para reforzar a divulgación e o coñecemento arredor de recursos enerxéticos do subsolo, impulsando iniciativas que contribúen a unha transición enerxética baseada en criterios de eficiencia, sostibilidade e desenvolvemento territorial.