Geolodía é unha iniciativa de divulgación xeolóxica de ámbito estatal organizada pola Sociedade Xeolóxica de España, que se celebra cada ano en todo o territorio nacional, cunha excursión por provincia. A súa proposta é sinxela: saír ao campo con xeólogas e xeólogos para entender, de forma accesible pero rigorosa, como se formou a paisaxe e por que é importante coñecer e protexer o patrimonio xeolóxico. As saídas son gratuítas e abertas a todos os públicos, e adoitan programarse durante a segunda fin de semana de maio. Este ano Galicia súmase de novo con actividades nas súas catro provincias.
En Lugo, Geolodía 2026 terá lugar o domingo 10 de maio (10:00–14:00) en Vilademouros, coa excursión “A Magnesita, un mineral escaso pero necesario. Unha visita ao corazón do Cámbrico”. A actividade está organizada por Víctor M. Pais Diz —xeólogo de Magnesitas de Rubián, empresa membro da Xunta Directiva da COMG— e Elena Mondelo Mateo, con prazas limitadas (só adultos). A inscrición realízase no correo vpaisdizmgr@gmail.com. Máis información aquí.
No caso da Coruña, a saída será en Santa Comba o sábado 9 de maio, con prazas limitadas e inscrición obrigatoria (dispoñible a partir do 25 de abril ás 20:00h). Francisco Canosa Martínez é o encargado de organizalo e o punto de encontro será en Santa Comba ás 10:00h. Máis información aquí.
Ademais, as provincias de Pontevedra e Ourense completan o programa galego con propostas centradas noutros ámbitos da xeoloxía, ampliando a mirada sobre a diversidade xeolóxica de Galicia.

