A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) xa ten dispoñible a súa Memoria anual 2025, un documento que recolle os principais fitos e liñas de traballo desenvolvidas ao longo do ano, nun exercicio especialmente significativo pola celebración do seu Centenario (1925–2025), baixo o lema “Cen anos de minería unidos polo futuro de Galicia”.

A publicación repasa a actividade institucional da entidade, o seu labor de representación e defensa do sector, a asistencia técnica e o impulso á sostibilidade, ademais das accións divulgativas e de posta en valor do patrimonio mineiro. Entre outros contidos, inclúe iniciativas conmemorativas do Centenario como a exposición itinerante “Tesouros da Terra”, a gala polo seu Centenario, ou os XVIII Premios Santa Bárbara.

A Memoria tamén recolle a actividade da plataforma Minería Sostible de Galicia, impulsada pola COMG como canle de divulgación para achegar o sector á sociedade e poñer en valor unha minería responsable e integrada no territorio.

Na carta de apertura, a presidenta da COMG, Cecilia Trancón, subliña a importancia de mirar aos vindeiros cen anos e avanzar na definición de prioridades e retos do sector, co obxectivo de reforzar a súa utilidade no día a día e seguir contribuíndo ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia.