Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE) a súa xornada de posta en valor dos resultados acadados durante 2025, un encontro que reuniu representantes da administración pública, responsables de proxectos estratéxicos da industria extractiva en Galicia e Portugal, así como entidades europeas dedicadas á investigación e á innovación.
A xornada serviu para poñer en valor os principais logros da OIPE no impulso de proxectos colaborativos e estratéxicos orientados a fortalecer unha minaría máis competitiva, sostible e aliñada coas políticas europeas de transición verde e dixital. Durante a sesión compartíronse experiencias de éxito e identificáronse oportunidades para seguir avanzando na cooperación transfronteiriza.
Durante a súa intervención, a Cámara destacou o papel da OIPE como axente catalizador entre as empresas mineiras, a Administración e o ecosistema investigador, así como a súa contribución ao posicionamento de Galicia dentro das redes europeas de innovación en materias primas críticas e sostibles.
A presentación fixo balance dos logros obtidos nestes dous anos e medio de actividade, coa consolidación de alianzas transnacionais, a participación en proxectos europeos e o apoio a proxectos industriais estratéxicos, así como a implicación crecente do sector mineiro galego en programas como Interreg e Horizonte Europa.
A día de hoxe a OIPE consolidouse como unha peza esencial para o desenvolvemento do sector mineiro galego. Os resultados son visibles xa que Galicia está presente en proxectos europeos de referencia, existen alianzas transnacionais activas e hai un número crecente de iniciativas orientadas á innovación e á sostibilidade. Así, a OIPE contribuiu a que a minaría galega sexa vista en Europa como un exemplo de minaría responsable, tecnolóxica e comprometida coa transición verde.
Neste contexto, a Oficina de Impulso de Proxectos Europeos evolucionará a partir de 2026 cara a un modelo máis próximo e colaborativo, pasando a denominarse Cámara Impulsa, orientado a fortalecer a participación das pequenas e medianas empresas na innovación, a dixitalización do sector e o acceso a financiación europea.
Tras esta exposición de resultados, o evento continuou coa intervención do Centro Internacional de Materiais Avanzados e Materias Primas de Castela e León (ICAMCyL), que presentou a iniciativa do Hub Mineiro da Rexión Noroeste da Península Ibérica. Este proxecto reforza a colaboración entre Galicia e o norte de Portugal en materia de investigación e extracción de materias primas críticas, posicionando a Eurorrexión como referente en innovación e sostibilidade no sector mineiro.
Para rematar, tivo lugar unha mesa redonda na que se abordaron diferentes liñas de debate sobre o futuro e a sostibilidade dos proxectos estratéxicos de minaría na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. Nela participaron representantes de Cobre San Rafael, Grupo SAMCA e Savannah Resources, quen compartiron a súa visión sobre os retos e oportunidades da minaría no contexto europeo actual.
O acto foi clausurado por Diego Casal Ramos, subdirector xeral de Recursos Minerais da Xunta de Galicia, e por Cecilia Trancón Loureiro, presidenta da Cámara Oficial Mineira de Galicia, quen salientaron a importancia da colaboración institucional e empresarial para consolidar unha minaría innovadora, sostible e xeradora de valor para o territorio.

