15 Mai A COMG solicita á administración pública o impulso de concursos mineiros de investigación que permitan responder ás novas necesidades da sociedade
- A recente aprobación da Lei de Materias Primas Críticas busca reforzar a autonomía dos países europeos na extracción de materias primas, reducindo a súa dependencia de países extracomunitarios.
- A Cámara Oficial Mineira de Galicia pide a colaboración da administración pública para a actualización de dereitos mineiros e a concesión de permisos de investigación do territorio galego.
- O organismo lembra que Galicia ten os recursos para converterse nunha potencia na extracción de minerais estratéxicos, pero carece dos permisos necesarios.
A Coruña, 15 de maio de 2024.– A existencia de recursos naturais en Galicia de gran valor estratéxico para a sociedade topa coa imposibilidade de extraelos debido á ausencia das autorizacións pertinentes para iniciar estes procesos. Neste sentido, a Cámara Oficial Mineira de Galicia, como representante da minaría en Galicia, solicita á administración pública autonómica a actualización dos dereitos mineiros e o impulso de concursos mineiros que permitan coñecer o territorio e responder ás novas necesidades da comunidade galega.
Esta petición está en liña coa recente aprobación da Lei europea de Materias Primas Críticas, que busca reforzar a soberanía e a competitividade dos Estados membros. A redución da dependencia de países extracomunitarios para a obtención de materias primas críticas, a simplificación da burocracia e o fomento da innovación ao longo de toda a cadea de valor son algúns dos obxectivos que persegue esta lei.
A norma europea establece parámetros de referencia que os países comunitarios deberán alcanzar para 2030: extraer do seu propio territorio o 10% das materias primas críticas que consome ao ano, procesar o 40% desa demanda e reciclar o 25%. A rapidez é outro dos obxectivos que persegue a adopción desta lei. Para iso, o tempo máximo para autorizar proxectos de extracción de materias primas críticas redúcese a 27 meses. Sen investigación xeolóxica non é posible determinar o potencial do subsolo galego e a base para poder investigar son os permisos de exploración que levan anos bloqueados.
A Cámara Oficial Mineira de Galicia subliña o potencial da comunidade para converterse en líder na extracción de minerais estratéxicos, con vistas a alcanzar os obxectivos fixados pola Unión Europea; pero, para iso, resulta necesario o compromiso das institucións públicas galegas para facilitar os trámites burocráticos que obstaculizan o seu desenvolvemento industrial.
A axilidade na concesión de autorizacións para a posta en marcha de proxectos mineiros, que utilicen métodos de extracción e produción respectuosos co medio ambiente, é o primeiro paso para que Galicia poida posicionarse como unha rexión industrial avanzada, capaz de impulsar o desenvolvemento socioeconómico da súa comunidade e facilitar o reto da transición enerxética.
Sobre a Cámara Oficial Mineira de Galicia
A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) é un órgano consultivo que representa ao sector industrial dos recursos minerais en Galicia. Reúne nunha mesma entidade os intereses públicos e privados para conseguir o mellor aproveitamento dos recursos xeolóxicos e maximizar o seu beneficio para a sociedade. Está formada por todas as persoas físicas ou xurídicas que realizan actividades destinadas á investigación e o aproveitamento dos recursos xeolóxicos, calquera que sexa a súa orixe ou estado físico, desde o seu coñecemento ata a súa posta en valor.