18 Abr A COMG celebrou a súa Asemblea Ordinaria de 2024, na que se puxeron en valor os proxectos desenvolvidos polo organismo o ano anterior
Esta mañá, a Cámara Oficial Mineira de Galicia celebrou a súa Asemblea en sesión ordinaria de 2024 no auditorio de FEUGA (Santiago de Compostela). A xornada foi inaugurada polo Director Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila, quen destacou a importante labor da COMG no “fomento da minaría e na promoción da formación mineira”, actuando como “institución de dereito público que debe representar ao sector de toda Galicia”.
Na súa intervención, Fernández Vila tamén fixo referencia ao reto da transición enerxética, “no que a minaría xoga un papel clave, posto que precisa de materias primas críticas e minerais estratéxicos”, recordando que “sen minaría non se pode avanzar en sectores como a construción ou as enerxías renovables”. Finalmente, expresou o seu apoio ao persoal da COMG “pola situación incómoda que tiveron que atravesar cando se atopaban no seu posto de traballo”, en referencia ao asalto á sede do organismo que se produciu en setembro de 2023.
A continuación, a Asemblea da COMG procedeu a aprobación da documentación relativa á xestión interna da entidade: acta da Asemblea Ordinaria de 2023, conta de ingresos e gastos de 2023, orzamento e cadro de persoal para 2024, xestión da Xunta Directiva, e actualización do censo de socios electores e elixibles e das cotas para 2024.
Posteriormente, os presidentes dos diferentes Comités expuxeron os proxectos postos en marcha o pasado ano e adiantaron as iniciativas previstas por cada un para 2024. No caso do Comité Normativo, Diego López comunicou os resultados da revisión da actividade lexislativa, entre os que se atopan a presentación de alegacións ao borrador para modificar o Regulamento de Seguridade Mineira e a Lei de Vixilancia do Solo.
Por parte do Comité de Comunicación, Pablo Núñez revisou os diferentes impactos da COMG nos medios de comunicación e trasladou aos asistentes as principais conclusións do informe da auditoría de comunicación desenvolvida no primeiro trimestre do ano. Entre os principais obxectivos estratéxicos de comunicación que se extraen deste informe atópanse: fomentar a unión entre os subsectores, trasladar a importancia da minería para a sociedade e dar a coñecer o potencial xeolóxico de Galicia en materias primas críticas.
A actividade do Comité de Patrimonio Mineiro foi posta en valor por Eduardo González, quen destacou dúas actividades organizadas no ano anterior: as visitas guiadas ás minas de A Silvarosa (Viveiro, Lugo) e o roteiro guiado á mina romana de ouro de Borreas (Viana do Bolo, Ourense).
Os proxectos máis significativos da Oficina Técnica da COMG no 2023, como sinalou Irene Pérez, foron a actualización do Catastro Mineiro, a ampliación do Catálogo de Recursos Naturais da Materioteca de Galicia e o fomento do emprego no sector mineiro, grazas a un acordo de colaboración con Feuga.
Finalmente, a directora da COMG, en representación da responsable da Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE), Sara López, destacou a actividade deste departamento no impulso da participación dos axentes do sector mineiro en proxectos europeos. Tamén mencionou tres proxectos europeos que se atopan en marcha na actualidade: SEE BRIDGE, POCTEP e Programa Empleaverde.
Esta parte da xornada pechouse coa presentación do informe do Presidente, quen afirmou que “a COMG non pretende ser unha asociación empresarial máis”, senón unha corporación de dereito público que se atopa nun “proceso de mellora continua” para lograr “transferir as melloras acadadas a toda a industria mineira”.
Tras unha breve pausa, tivo lugar a Xornada Técnica “Últimas novidades normativas en materia de minas”, ofrecida polo Subdirector Adxunto de Minas da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Ismael Guarner. Durante o relatorio, Guarner agradeceu a actividade de monitorización lexislativa levada a cabo polo Comité Normativo da COMG, poñendo o foco na presentación de alegacións á proposta de modificación do Regulamento de Seguridade Mineira.
Os encargados de clausurar a xornada foron o Director Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila, e a Subdirectora Xeral de Recursos Minerais da Xunta de Galicia, María Coutinho.
Podes consultar a memoria anual da COMG correspondente ao ano 2023 na seguinte ligazón.