10 Xuñ A COMG colaborou na I Xornada de Seguridade Dixital: Ciberseguridade e Defensa
O pasado 9 de xuño, Juan José López Muñoz, presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, asistiu á I Xornada de Seguridade Dixital: Ciberseguridade e Defensa.
O evento, organizado pola USC e o seu Máster propio en Ciberseguridade e Ciberdefensa, celebrouse en Santiago de Compostela estivo centrado na seguridade dixital e a súa importancia no contexto actual das empresas.
A Cámara Oficial Mineira de Galicia colaborou nesta xornada na que Norquality, consultora especializada en sistemas de calidade e seguridade e membro da COMG, foi patrocinadora. Así mesmo, o evento foi posible grazas á implicación de organismos públicos como o CNN (Centro Criptológico Nacional) e Amtega.
Un dos datos máis alarmantes extraídos deste evento foi que España é o segundo país do mundo con maior risco de ser ciberatacado, só por detrás de Estados Unidos, segundo o informe ofrecido por IronHack. Isto débese á gran cantidade de pemes presentes no noso país -case 3.000.000- e a que a gran maioría delas e tamén de organismos públicos non contan cun plan de resposta mínimo fronte a esta problemática. Soamente un 7% das organizacións a nivel estatal contan con ferramentas para cubrir as brechas de seguridade que poidan comprometelas. Cifras especialmente sensibles para o sector mineiro galego, onde case o total de operadores son pequenas ou medianas empresas.
Os ciberataques son unha ameaza real para todos aqueles organismos ou entidades que teñan presenza en dixital, podendo suporlles unha perda de información comprometedora e crítica, ademais de perdas económicas significativas.
Por iso, o obxectivo da xornada foi concienciar sobre esta realidade que pode supor grandes problemas para as empresas e mostrar solucións que axudan a cubrir as brechas de seguridade, que cada vez son máis económicas e están ao alcance de máis persoas.
Esta primeira edición reuniu a algúns dos relatores máis recoñecidos a nivel nacional na materia, como Carlos Córdoba, xefe da área de Centros de Operacións de Ciberseguridade do CCN ou Fernando Suárez, director da área de Transparencia e Goberno Aberto en Deputación de Ourense. Presidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñería en Informática.
Suárez destacou a importancia de “Concienciar en ciberseguridade a toda a cidadanía, atraer talento e desenvolver unha industria de ciberseguridade en Galicia”, un dos retos fundamentais, xa que hai unha gran demanda e falta de talento.