23 Abr Tejas Verea convértese no primeiro fabricante de tellas en España que obtén a certificación N Sostible de AENOR
Tejas Verea, empresa fabricante de tellas e solucións integrais para cubertas localizada en Mesía (A Coruña), membro da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), recibiu o 22 de abril, na sede de AENOR en Madrid, a certificación N Sostible de AENOR, que avala o compromiso ambiental, social e de gobernanza da compañía. Deste xeito, Tejas Verea convértese no primeiro fabricante español de tellas en recibir este selo de garantía e nunha das dúas primeiras empresas do sector da cerámica estrutural en obtelo.
Para lograr esta certificación, os produtos de Tejas Verea foron sometidos a un exame completo co obxectivo de garantir as características prestacionais dos materiais de construción. A marca AENOR N Sostible apoia que un produto é sostible en todas as súas dimensións: prestacional, económica, ambiental e social.
Esta certificación contribúe á construción sostible, xa que se establece como un dos requisitos para lograr a Certificación Edificio Sostible. Trátase dun selo que combina a sostibilidade integral ESG dos axentes involucrados (proxectista, materiais e construtora) e a avaliación dos criterios europeos Level(s) no edificio.
Noelia Moscoso, responsable de Calidade e Medio Ambiente de Tejas Verea, recibiu a acreditación de mans da directora de certificación de produto da entidade, Yolanda Villaseñor. Durante o acto de entrega, estivo acompañada de Elena Santiago, secretaria xeral de Hispalyt, que recolleu o certificado en nome da empresa Cerámica Utzubar, nunha entrega de selos conxunta para as dúas empresas.
Moscoso destacou o compromiso de Tejas Verea “coa sostibilidade e a innovación no desenvolvemento de procesos produtivos e novos materiais que contribúan á eficiencia enerxética e a conservación do medio ambiente”.
A sostibilidade, no ADN de Tejas Verea
A calidade e o respecto polo medio ambiente son elementos integrados na base da estratexia empresarial da compañía galega. Tejas Verea deseña e realiza os seus procesos industriais co menor impacto ambiental, minimizando consumos enerxéticos e de materias primas; reciclando os residuos de cada etapa de fabricación e desenvolvendo obxectivos e accións para a mellora continua do seu desempeño ambiental.
A súa actividade e compromiso ambiental están avalados polas certificacións CE, ISO 9001, ISO 14001, EMAS ou o selo de calidade Galicia Calidade. Desde 2017 conta co selo ‘Calculo e Reduzo’ do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que certifica o seu compromiso co medio ambiente e a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro.