geoparque-cabo-de-ortegal-en-galicia

O Xeoparque de Ortegal vai collendo forma

A candidatura do Xeoparque do Cabo de Ortegal presentouse oficialmente á secretaría do Comité Nacional da Unesco. Catro expertos elaboraron unha memoria de 50 páxinas que presentarán en Madrid o próximo 29 de setembro, aínda non se sabe se de forma presencial ou telemática.  Os membros deberán facer unha exposición presentando os motivos que lles fan merecedores do distintivo internacional e o comité analizará toda a información facilitada.

A memoria foi redactada polo doutor en Xeoloxía Francisco Canosa  (o cal coordinou este traballo, ademais de dedicarse á parte da xeoloxía, a actividade educativa e á cartografía do territorio), a arqueóloga Vanesa Trevín, a bióloga Efigenia Penabad e o técnico de Desenvolvemento local e xeógrafo Ignacio Fernández.

No plan do director do proxecto do Xeoparque do Cabo de Ortegal figuran os 108 lugares de interese xeolóxico dos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sanduriño e Valdoviño, os sete que forman parte desta iniciativa.

Na memoria achegada ao Comité Nacional de Xeoparques Mundiais da Unesco inclúese toda a relación, ademais dunha valoración de interese científico, didáctico e turístico. E a figura de protección que existe en máis de 80 dos puntos.

O procedemento para ser un Xeoparque mundial segue uns pasos e tempos moi estritos que a Covid-19 retardou. A carta de declaración de intereses foi presentada o pasado mes de maio, e nela recollíase a intención de propoñer unha candidatura. Superada esta etapa, foi entregada a memoria de 50 páxinas.

O territorio de Ortegal posúe unha riqueza xeolóxica de 630 quilómetros cadrados no que van identificados un centenar de recursos de interese científico, educativo e turístico, varios deles son únicos e de relevancia internacional.