12 Abr O Parlamento Europeo exerce como altofalante para destacar a importancia dos recursos naturais na transición enerxética
O xoves 11 de abril celebrouse unha rolda de prensa no Parlamento Europeo, na que participou Pablo Núñez, delegado en Galicia do Ilustre Colexio de Xeólogos, entidade membro da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), tesoureiro da Federación Europea de Xeólogos e presidente do Comité de Comunicación da COMG, na que se puxo o foco sobre o importante papel dos xeólogos para facilitar o reto da transición enerxética.
Durante a conferencia, Pablo Núñez subliñou a necesidade da profesión xeolóxica para o desenvolvemento social: “A nosa sociedade necesita xeoloxía: todo parte do subsolo, a enerxía, as materias primas que nos permitirán transformar o modelo enerxético, darlle continuidade á nosa industria, a enerxía, o hidróxeno natural, o secuestro de carbono”.
Os materiais presentes na xeosfera e os procesos que nela suceden dan lugar a unha cantidade de recursos, entre eles minerais, que son explotados para favorecer o benestar e desenvolvemento da sociedade. Neste sentido, a COMG subscribe as conclusións da rolda de prensa e destaca a relevancia dos recursos minerais para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia, xa que proporcionan as materias primas necesarias para levar a cabo procesos produtivos, enerxéticos e construtivos.