18 Mar O Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Minas intégrase na Cámara Oficial Mineira de Galicia
- Outro colexio profesional relacionado co sector súmase ao ente cameral como membro de pleno dereito con voz e voto, despois de que o Ilustre Colexio Oficial de Geólogos confirmase recentemente a súa adhesión
- Coa integración destes colectivos, a Cámara Oficial Mineira de Galicia quere, como órgano consultivo, potenciar a unión esforzos a favor dunha minería sustentable en Galicia
A Coruña, 17 de marzo de 2014
O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia ( COITMG) vén de confirmar a súa incorporación como membro da Cámara Oficial Mineira de Galicia, co obxectivo de axudar á consecución dunha minería sustentable en Galicia, a través da súa participación no ente cameral. Deste xeito, e tras a recente adhesión do Ilustre Colexio Oficial de Geólogos, a Cámara avanza no seu obxectivo de integrar todos os colectivos profesionais relacionados coa actividade mineira. Trátase así de unir esforzos para garantir un sector mineiro galego ambientalmente compatible, socialmente responsable, laboralmente seguro e economicamente rendible.
A relevancia dos enxeñeiros técnicos de minas no desenvolvemento das actividades mineiras levou ao organismo que preside D. Juan de Deus Martín Aparicio a propoñerlle ao decano do COITMG, D. Atanasio Pena Álvarez, a súa incorporación á entidade cameral. Ambas as partes coinciden en afirmar que a súa integración como membro activo “redundará en beneficio do sector mineiro e, por tanto, dos enxeñeiros técnicos colexiados”.
IMPLICACIÓN E COMPROMISO
Para a Cámara, “o futuro do sector mineiro galego pasa pola implicación e compromiso de todos os axentes que compoñen a comunidade mineira na consecución dunha minería sustentable”. Con este convencemento, a entidade desexa integrar os colectivos que forman o sector mineiro, entre os que destacan os colexios que representan os profesionais vinculados á minería, como é o caso dos enxeñeiros técnicos de minas.
O obxectivo é consolidar minaríaa sustentable e o achegamento do sector mineiro á sociedade, cun mellor coñecemento do que representa a actividade extractiva para o benestar social e a economía de Galicia. Así, a Cámara destaca a relevancia dos recursos minerais e da súa posta en valor en Galicia para o desenvolvemento socioeconómico, xa que proporcionan as materias primas necesarias para os procesos produtivos, enerxéticos e construtivos.