
17 Xuñ A OIPE e o CRETUS presentan as últimas innovacións en restauración ambiental para a minaría galega
O martes 17 de xuño, celebrouse o webinario ‘Innovación e restauración ambiental para a Minaría Galega: tecnoloxías ambientais para a monitorización e restauración sostible de chans e augas en áreas mineiras‘, organizado pola Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE) da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), co apoio da Xunta de Galicia.
Neste encontro, expertos do centro CRETUS presentaron as últimas innovacións en tecnoloxías ambientais aplicadas á monitorización e restauración sostible de chans e augas en contornas mineiras, abordando:
- A monitorización ambiental (chans, augas, sedimentos, rochas, minerais e biomonitorización).
- Estudos de xeomorfoloxía e restauración de sistemas fluviais.
- Estratexias para a restauración de áreas fortemente impactadas pola actividade mineira.
Os relatores describiron diferentes tecnoloxías avanzadas para o seguimento e tratamento de chans, augas e ecosistemas afectados pola actividade mineira, así como estratexias de restauración baseadas na natureza e construción de chans a través de diferentes casos prácticos de éxito abordados en Galicia e arredores por parte do grupo de investigación AMBISOL.
Deste xeito, os participantes compartiron resultados de proxectos de restauración en Galicia, destacando a importancia da caracterización de materiais, a xestión selectiva e a vixilancia a longo prazo para lograr unha rehabilitación efectiva e sostible das zonas mineiras.