Minerais industriais

cen anos de minería unidos polo futura de Galicia

Os minerais industriais explótanse para aproveitar algún dos seus elementos químicos. En Galicia, entre os minerais industriais, extráese cuarzo para a industria metalúrxica do silicio e tamén para áridos, caolín para as industrias cerámica e papeleira, feldespatos para a industria cerámica, magnesita para a corrección de solos e alimentación animal; e turba para agricultura, horticultura e floricultura.

MINERAIS INDUSTRIAIS MÁIS COMÚNS EN GALICIA:

  • CUARZO:
    Galicia é a principal produtora de cuarzo para usos metalúrxicos de España e a súa explotación desenvolveuse en dous tipos de xacementos; por unha banda xacementos aluvionares que se atopan nas provincias da Coruña e Lugo, e diques de cuarzo localizados en todas as provincias de Galicia.

  • CAOLÍN:
    Os usos do caolín están orientados principalmente á industria do papel e á cerámica fina para o mercado nacional e internacional. Ademais, como subproducto extráese mica e areas de cuarzo. Case a totalidade desta industria atópase nas provincias da Coruña e Lugo.

  • FELDESPATO:
    Na actualidade a práctica totalidade da produción de feldespatos obtense na provincia de Lugo, de feito na zona da Mariña Lucense prodúcese o 10% do feldespato de España. O resto de partidas deste mineral proceden da provincia de Ourense.

  • MAGNESITA:
    Toda a actividade de extracción de magnesita en Galicia desenvolveuse en Lugo, no municipio do Incio, e a única explotación activa na actualidade atópase ao sur da localidade de Sarria.

  • TURBA:
    A produción anual de túrba en Galicia sitúase ao redor das 7.000 toneladas e procede da única explotación existente en Galicia (Turbera do Gistral) enmarcada na Serra do Buio, en Lugo. Esta turba comercialízase en España e Portugal, e proporciónalle ao solo unha mellor estrutura e materia orgánica. Tamén se pode utilizar para a depuración de augas residuais en poboacións non moi populosas, cun baixo custo e unha fácil implantación.

Outros recursos de minerais industriais existentes en Galicia son os minerais denominados silicoaluminosos (andalucita, cianita e sillimanita), litio, barita, asbesto, circón, granates e minerais de Terras Raras.

O ritmo de produción actual dos distintos minerais industriais, en relación coas reservas clasificadas como seguras segundo fontes dos produtores indica que, en xeral, os recursos son suficientes para o mantemento das producións a medio e longo prazo.